Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Madrid, 8 de abril de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, interveu hoxe nunha mesa redonda sobre a Compra Pública de Innovación en España, no marco da xornada A Compra Pública de Innovación en España: pasado, presente e futuro organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e a consultora Incotec. Na mesa, moderada por unha representante da Fundación COTEC, interviron membros do Ministerio de Ciencia, do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación, da Junta de Andalucía e do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP expuxo a experiencia da Xunta con esta ferramenta clave para a transformación do sector público e o fortalecemento do tecido innovador galego. De feito, Galicia foi pioneira no período 2007-2013, no que executou o 40 % do importe dos proxectos de Compra Pública de Innovación de toda España e, actualmente, constitúe unha política transversal da Xunta na que todas as consellerías están a traballar activamente na identificación de retos e no deseño de proxectos. Precisamente, na convocatoria de 2024 Galicia conseguiu ter case a metade das propostas de toda España con 8 proxectos de distintas temáticas e, a semana pasada, presentáronse os proxectos candidatos á convocatoria de 2025.
Neste sentido, a directora da Axencia indicou que esta ferramenta “permite responder de forma máis eficaz a retos públicos complexos, axuda a prestar mellores servizos á cidadanía, a incorporar solucións punteiras e a fortalecer o tecido empresarial innovador”. En canto ás boas prácticas implementadas no Executivo galego nesta materia, apuntou unha gobernanza clara e transversal, con espazos estables de coordinación como a Comisión Interdepartamental de I+D+i ; apoio técnico especializado, como o que ofrecerá a nova unidade de Compra Pública de Innovación da Axencia Galega de Innovación, e unha avaliación e mellora continua.
En canto ás expectativas de futuro, Carmen Cotelo destacou que hai desafíos pendentes e que hai que seguir traballando en mellorar capacidades, marcos xurídicos, formación e acompañamento, pero aspírase a que este mecanismo se consolide como unha iniciativa pública transformadora, capaz de anticipar necesidades, mobilizar talento e xerar solucións con impacto positivo na vida das persoas.