A Xunta difunde as oportunidades de financiamento en Europa nos eidos da innovación cultural, social e sensibilización social cara a ciencia

2025-04-01
  • A Axencia Galega de Innovación celebra hoxe unha xornada informativa sobre convocatorias 2025 de Horizonte Europa

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025.- A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP celebrou hoxe unha xornada de difusión das convocatorias de 2025 do programa marco europeo de I+D+i, Horizonte Europa, centradas no ámbito da cultura, a innovación social e a sensibilización social cara a ciencia e a innovación. Esta xornada inscríbese no Ciclo Europa, un conxunto de sesións informativas sobre distintas convocatorias de axudas dirixidas a apoiar a I+D+i da Comisión Europea co obxectivo de impulsar a participación galega.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a potencialidade de Galicia en ámbitos como a cultura, o patrimonio ou a innovación social e animou aos 80 asistentes a preparar proxectos para optar ás convocatorias europeas que se presentaron hoxe. De feito, a representante da Consellería de Ciencia apuntou que a “xestión innovadora dos recursos culturais e acadar un modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación son dous dos retos da política de I+D+i de Galicia ata 2027”. A directora tamén informou sobre o servizo de apoio á participación das pemes galegas en Europa, PEMEuropa.

Na xornada presentáronse as convocatorias de 2025 do clúster 2, centrado no fortalecemento da democracia e a gobernanza, o patrimonio cultural e a creatividade e a transformación social e económica de Europa. Así mesmo, profundizouse no programa WIDERA, unha iniciativa da Comisión Europea para reducir as desigualdades en investigación e innovación entre as rexións e países europeos.

Ademais de presentar as liñas de axuda, os puntos nacionais de contacto destas convocatorias en España mantiveron reunións bilaterais con aquelas entidades ou persoas interesadas para asesoralas sobre as súas ideas de proxecto.