A Xunta presenta as capacidades e oportunidades da I+D+i galega na XII Conferencia Anual da Asociación de Antigos Alumnos Marie Curie en Polonia

2025-03-21
  • Galicia é a única Comunidade de España que participa neste encontro, que reúne científicos de prestixio de todas as etapas profesionais, disciplinas e sectores
  • A delegación galega reúnese con persoal investigador español no estranxeiro para promover a captación e o retorno de talento investigador

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025.- A Xunta presenta as capacidades e oportunidades do sistema galego de I+D+i na XII Conferencia Anual e Asemblea Xeral da Asociación de Antigos Alumnos Marie Curie, que se desenvolve hoxe e mañá en Cracovia (Polonia). Galicia é a única Comunidade española que participa neste encontro, como parte da campaña de promoción exterior da estratexia de captación e retención de talento investigador do Goberno galego.

O evento, unha cita de de referencia en Europa no eido da investigación e innovación, está organizado pola asociación do mesmo nome, apoiada pola Comisión Europea e integrada por máis de 20.000 antigos beneficiarios de axudas Marie Sk?odowska Curie de todas as etapas profesionais, disciplinas e sectores.

Durante o evento, representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e das universidades galegas participan en diferentes encontros con investigadores españoles no estranxeiro e cos investigadores Marie Curie de Latinoamérica para presentar os programas de talento e de apoio á investigación da Xunta.

Entre eles destaca o programa Oportunius, cuxo obxectivo é xerar oportunidades para persoal investigador excelente que queira desenvolver a súa carreira científica en Galicia reforzando as opcións de acceso e os beneficios asociados ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). Os beneficiarios de axudas Marie Sk?odowska Curie son perfís de investigación de excelencia e posibles candidatos a axudas do ERC, de aí o interese de relacións desde a nosa comunidade con este colectivo.

Ademais, a delegación galega reúnese coa directiva da asociación organizadora do encontro para explorar novas oportunidades de colaboración. De feito, neste foro infórmase tamén da posta en marcha por parte da Xunta dun programa de apoio a candidatos Marie Curie. Esta iniciativa busca identificar e asesorar a candidatos a esta axuda para que a acaden con entidades galegas. O obxectivo é posicionar a Galicia nestas axudas a nivel nacional e europeo, tal e como se está a facer coas axudas do ERC.

Impacto da campaña internacional

A presencia da delegación galega neste evento forma parte da campaña de proxección internacional no ámbito da investigación e innovación promovida pola Xunta de Galicia. No marco da mesma, no 2024 a I+D+i galega estivo presente en 10 eventos de proxección internacional en seis países —Bélxica, Brasil, Italia, Dinamarca, Reino Unido e Suecia– e achegou a máis de 1.500 investigadores residentes no estranxeiro as capacidades e oportunidades que ofrece Galicia.

Neste inicio de 2025, representantes da Consellería de Ciencia e de diversas entidades do sistema I+D+i galego participaron en diversos eventos como Sience for Industry, as feiras de emprego de Bos Aires e Montevideo ou o Foro Transfiere, en Málaga, referente europeo no ámbito de transferencia de coñecemento. Nos vindeiros meses está prevista a asistencia á ASTP Annual Conference 2025, en Vilna (Lituania), e ao XII SRUK/CERU International Symposium que organiza a Sociedade de Investigadores Españois no Reino Unido.