Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2025.- A Xunta de Galicia impulsa a posta en valor das capacidades do ecosistema galego de I+D+i na 14ª edición de Transfiere, o foro europeo de ciencia, tecnoloxía e innovación que se celebrará entre o 12 e o 14 de marzo no Pazo de Feiras e Congresos de Málaga. Desde o posto institucional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, máis dunha vintena de entidades galegas poderán explorar novas alianzas e oportunidades para os seus proxectos e capacidades de transferencia de coñecemento.
A delegación galega, coordinada pola Axencia Galega de Innovación, estará formada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as universidades da Coruña, Santiago e Vigo, con seis dos centros de investigación da Rede CIGUS (CiMUS, CiTIUS, CiQUS, CRETUS, AtlanTTic e CIM), a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), con cinco dos seus centros (AIMEN, Anfaco, CETIM, CTAG e Gradiant); o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Hub de innovación dixital DIHGIGAL, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) e Unirisco.
A asistencia a este foro enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, co que a Xunta de Galicia busca mellorar a transferencia dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo para valorizar o investimento en ciencia. Ignicia é un programa singular e pioneiro en España, que foi destacado como boa práctica pola OCDE e inspirou a outras rexións. Desde a súa primeira convocatoria en 2016 e cun investimento de 16,6M€, apoiáronse 32 proxectos, dos que 13 xa están no mercado, así como a creación de 10 spin-offs e tres acordos coa grande industria. Estes proxectos supuxeron a creación de 140 empregos de alta cualificación e a captación de máis de 26M€. Ademais, o programa impulsa a formación e cualificación dos profesionais involucrados nos procesos de transferencia, coa capacitación ata o momento de máis de 200 persoas entre persoal investigador e xestores de transferencia.
Este programa, xunto coas novas actuacións previstas no Plan Galego de I+D+i 2025-2027 como o modelo Venture Building, serán expostas nas mesas redondas desta feira sobre ciencia e innovación. Estas sesións incorporarán a visión e a experiencia do Goberno galego sobre o Plan complementario de transferencia e o seu impacto territorial, sobre como maximizar o financiamento público da I+D+i a través da cooperación territorial e sobre o futuro da carreira profesional na transferencia de tecnoloxía.
Transfiere é un dos principais eventos europeos sobre I+D+i e transferencia. O seu obxectivo é conectar todo o sistema español de innovación e impulsar a súa proxección internacional. Os seus eixos temáticos son o talento, o desenvolvemento científico-tecnolóxico, o acceso a investimento e as oportunidades de negocio, co fin último de xerar alianzas e sinerxías globais. Neste marco, a Xunta impulsa a participación neste evento co obxectivo de facilitar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación feitas en Galicia.