Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno autonómico por promover a transferencia de coñecemento para que os resultados da investigación se convertan en solucións de mercado e cheguen á cidadanía, así como a importancia do capital privado na investigación.
Durante a súa participación no III Encontro do ecosistema investigador e investidor, organizado por Unirisco e Noso Capital, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, Rueda sinalou que estes actos son “fundamentais” para ver a conexión directa entre a investigación, os descubrimentos e a súa utilidade. Unha transferencia de coñecemento que está moi presente no caso das universidades e que moitas veces supoñen avances e resultados económicos.
O titular do Goberno galego lembrou que a Xunta presentou o Plan de investigación e innovación 2025-2027 —dotado con máis de 1.300 millóns de euros- para, como un dos seus obxectivos principais, favorecer que os resultados dos proxectos de investigación redunden na sociedade. Ademais, con eses recursos tamén se busca tanto reter o talento que hai en Galicia como atraer o que se atopa no exterior. Segundo sinalou o presidente, “todo o que poidamos dedicar ao coñecemento vai ser rendible”.
Neste sentido, Rueda lembrou que a fundación presentada este luns con capital da Xunta ten como finalidade “atraer potencia investigadora”, e sinalou a importancia de que o capital privado tamén se implique ao ser unha “inversión rendible”.
O Goberno galego vai impulsar unha serie de medidas baseadas no modelo Venture building e encamiñadas a impulsar a creación de spin-offs derivadas da investigación e transformar os avances científicos e tecnolóxicos en oportunidades de negocio. Para iso vaise traballar na identificación de ideas de alto potencial de mercado e promover o acompañamento por parte de expertos en creación de empresas as novas compañías ata a súa consolidación.
Outra das novidades será a posta en marcha dunha oficina piloto de valorización de coñecemento que busca optimizar, protexer e aproveitar os resultados do I+D+i no eido da biotecnoloxía.
En paralelo, o Goberno autonómico manterá o programa Ignicia de transferencia de coñecemento, unha iniciativa singular e pioneira en España, que a Xunta puxo en marcha no 2016. Desde entón e ata 2023, destináronse 16,6 millóns de euros que permitiron apoiar 32 proxectos, impulsar a creación de dez spin-offs e xerar 140 postos de traballo.
Galicia, referente en innovación
Durante a súa intervención, Rueda lembrou que a Xunta leva anos apostando por consolidar Galicia coma un referente na innovación e no I+D. Deste xeito, Galicia foi a comunidade cun maior incremento no orzamento destinado a investigación en 2023 —cunha suba do 28% ata chegar a case 963 millóns de euros- e vén de converterse na autonomía con maior aposta pola Compra Pública Innovadora, ao concentrar a metade dos fondos europeos convocados para esta finalidade.