Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que Galicia lidera a compra pública de innovación en España ao captar “practicamente a metade dos proxectos” e 45,6 M€ da última convocatoria da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) financiada con cargo a fondos europeos mediante FEDER plurirrexional e convocada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Estes resultados, segundo resaltou o presidente autonómico, supoñen “seguir traballando para colocar a Galicia nunha posición punteira dentro do Estado en materia de innovación”. En total, concédense para toda España 20 proxectos, nove deles en Galicia. Destes, oito son liderados pola Xunta, e un pola Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa). Estas iniciativas implican investimentos por preto de 76 M€: 45,6 millóns dos fondos europeos, 28 millóns de fondos propios da Xunta, e 2,1 millóns de Emalcsa.
A Compra Pública de Innovación, que tal e como sinalou Rueda é unha “modalidade de contratación que permite dispoñer de ferramentas e de subministracións que non están dispoñibles no mercado”, desenvolve e acelera solucións baseadas en I+D+i. Tal e como lembrou o responsable do Executivo galego, a Comunidade executou no período 2007-2020 proxectos de Compra Pública Innovadora por importe de “252 millóns de euros”. No período 2021-2027 estanse a executar proxectos por 148 M€, o que supón un investimento total de 400 M€ en Galicia.
Os oito proxectos liderados pola Xunta na convocatoria da liña FID que vén de resolverse permiten obter financiamento extraordinario por valor de máis de 42 M€. O Consello da Xunta analizou un informe hoxe sobre este proceso, que implica a catro consellerías diferentes, o que amosa a determinación do Goberno galego ante a I+D+i. Tal e como informou Rueda, quen agradeceu “o traballo realizado polos técnicos da Administración autonómica”, trátase dos departamentos de Sanidade, de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Economía e Industria e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
As iniciativas apoiadas corresponden a distintos sectores de actividade: desde servizos públicos básicos como a atención médica personalizada, a creación do expediente dixital único do alumnado e a aplicación de intelixencia artificial para combater o abandono escolar, ata solucións innovadoras baseadas no hidróxeno verde, a dixitalización de datos xeolóxico-mineiros, as enerxías mariñas, novas técnicas de rehabilitación e materiais sostibles para as construcións tradicionais, a redución da pegada de carbono ou a creación dun xemelgo dixital dos ríos da cunca hidrográfica de Galicia-Costa.
Esta diversidade reforza o carácter transversal da innovación nas políticas públicas da Xunta. Ademais, tal e como marca o novo Plan de I+D+i que vén de aprobar o Executivo galego, amplíanse os ámbitos de actuación nos que se viña centrando a Compra Pública, que eran principalmente o eido sanitario, o dos vehículos non tripulados e a auga.
A alta participación dos distintos departamentos da Xunta e o éxito nesta convocatoria débese a un proceso interno de recollida de propostas e avaliación iniciado a comezos de 2023 no seo da Comisión Interdepartamental de I+D+i e promovido pola Axencia Galega de Innovación, a través do que se recibiron 31 propostas de distintos departamentos.
| ENTIDADE | PROXECTO | AXUDA CONCEDIDA | ORZAMENTO TOTAL |
|---|---|---|---|
| Servizo Galego de Saúde | Precisaúde. Plan de innovación sanitaria en medicina SP | 12.000.000 € | 20.000.000 € |
| Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP | EdugalIA. Intelixencia artificial no ensino | 9.900.000 € | 16.500.000 € |
| Consellería de Economía e Industria | Smartmin Tech | 5.100.000 € | 8.500.000 € |
| Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático | SICLE CO2. Solucións innovadoras para a compensación local | 4.090.284,84 € | 6.817.141,40 € |
| Augas de Galicia | Auga Tech | 3.600.000 € | 6.000.000 € |
| Instituto Enerxético de Galicia | Innomar. Solucións innovadoras para o impulso de enerxías do mar | 3.443.436,84 € | 5.739.061,40 € |
| Consellería de Economía e Industria | Centro galego de solucións innovadoras de hidróxeno | 2.538.000 € | 4.230.000 € |
| Axencia Galega da Industria Forestal | Lignoaldeas | 1.708.650 € | 2.847.750 € |
| 42.380.372 € | 70.633.953 € |
Solucións innovadoras na sanidade
A Consellería de Sanidade obtén 12 M€ de apoio para o proxecto Precisaúde, que conta cun orzamento total de 20 M€. Baseándose na medicina 5P (personalizada, preventiva, predictiva, participativa e poboacional), procura o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas na aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente en función das súas características individuais. Solucións a través de biomarcadores (en oncoloxía, tratamentos da obesidade e trastornos mentais), de sistemas de simulación para tratamento de feridas o para atención nos casos de PCR e ECMO (osixenación por membrana extracorpórea), da construción de plataformas avanzadas de análise xenómica integrada e para a produción de terapias celulares avanzadas, para a súa implantación no Servizo Galego de Saúde.
Catro proxectos en Economía e Industria
A Consellería de Economía e Industria logra apoio para catro proxectos polos recibirá 12,8 M€ dun investimento global de 21,3 M€. En primeiro lugar, leva adiante a proposta de Smartmin Tech, con 8,5 M€ de orzamento, orientado á obtención e dixitalización de datos xeolóxico-mineiros de Galicia, cun sistema de información avanzada e unha plataforma de xestión. Así mesmo, compleméntase co desenvolvemento de solucións innovadoras relacionadas coa integración ambiental e a economía circular.
Tamén o Centro Galego de Solucións Innovadoras en torno á Cadea de Valor do Hidróxeno Verde, cun orzamento de 4,23 M€. O proxecto procura o desenvolvemento e implantación dun centro demostrador (en rede) para a posta en marcha de solucións innovadoras para aumentar as capacidades industriais en materia de produción, almacenaxe, transporte, distribución e consumo de hidróxeno renovable (Prototipo de xeración de hidróxeno verde a partir de auga de mar).
A través do Instituto Enerxético de Galicia, obtén apoio para Innomar, dotado con 5,74 M€ para novas solucións tecnolóxicas para a zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira. Contempla o deseño, desenvolvemento e implementación dunha estrutura que albergue un multiconector flotante e sensorizado que permita a interconexión de prototipos de xeración eléctrica renovable no medio mariño.
O cuarto proxecto da Consellería de Economía, neste caso canalizado a través da Axencia Galega de Industria Forestal, recibe apoio Lignoaldeas, cun investimento previsto de 2,85 M€ para dar solucións innovadoras baseadas na natureza, novas técnicas de rehabilitación e materiais sostibles con base en recursos forestais de proximidade para as construcións tradicionais dos núcleos rurais galegos.
Dúas candidaturas de Medio Ambiente
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou ao proceso dúas propostas, cun investimento global de 12,8 M€ do que recibirá 7,7 M€. O primeiro deles é o proxecto SICLE CO2, cun orzamento de 6,82 M€. A proposta ten como obxectivo promover unha compensación de emisións de proximidade que axuden, ademais, de forma máis directa á redución da pegada de carbono en Galicia. A tal efecto, prevese un banco de parcelas público, unha plataforma de colaboración para o intercambio de compensacións, o seguimento de proxectos e unha ferramenta preditiva para determinar a absorción de CO2 dos terreos agrícolas e as áreas costeiras.
Esta mesma Consellería presentou un segundo proxecto, neste caso desde Augas de Galicia: AugaTech. Cun orzamento de 6M€, a proposta prevé desenvolver ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a información á cidadanía e para crear un xemelgo dixital dos ríos da cunca hidrográfica de Galicia-Costa, coa finalidade de aumentar a transparencia e mellorar a xestión dos recursos hídricos fronte o cambio climático.
Intelixencia artificial na educación
Finalmente, a Consellería de Educación consigue 9,9 M€ de financiamento para EdugalIA, cun orzamento total de 16,5 M€, que persegue mellorar a equidade e calidade do sistema educativo a través do emprego da intelixencia artificial. Centrarase en melloras na gobernanza e no procesamento de datos para incidir particularmente na prevención do abandono escolar. Creará tamén co expediente dixital único do alumnado e establecerá un novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese, cun punto único de contacto e ferramentas informáticas específicas.
A Compra Pública de Innovación é un instrumento de fomento da innovación orientado a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras a través da contratación pública. O obxectivo é mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos, fomentar a innovación empresarial e impulsar a internacionalización empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.