Román Rodríguez gaba a aposta da empresa JJ Chicolino, en Boiro, por proxectos innovadores no eido da acuicultura e a pesca

2025-02-01
  • O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, coñece os proxectos da firma, beneficiaria das axudas de I+D+i da Xunta por case 400.000€

Boiro (A Coruña), 1 de febreiro de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe a empresa JJ Chicolino, en Boiro, beneficiaria das liñas de axuda de Xunta en materia de I+D+i para o desenvolvemento de tres proxectos de tecnoloxía aplicada no eido da acuicultura e a pesca, no que a firma conta máis de 40 anos de experiencia.

Tras percorrer as instalacións, o titular de Ciencia do Goberno galego destacou a importante aposta pola innovación que JJ Chicolino está realizando e animouno a optar á nova convocatoria Nexos que o Goberno galego lanzará ao longo do segundo trimestre deste ano 2025 cunha dotación de máis de 20M€, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, para acadar 50 proxectos e 200 beneficiarios.

Román Rodríguez fixo fincapé na importancia de que as empresas colaboren cos centros de investigación “aproveitando ao máximo as sinerxías” que permitan o desenvolvemento de proxectos de I+D+i para xerar “valor e riqueza para o conxunto da sociedade”. Neste senso, explicou que a nova liña de axudas incorporará novidades como a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, o que suporá unha evolución do programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente.

Durante a vixencia do último programa, coñecido como ConectaPeme, a empresa JJ Chicolino foi beneficiaria cos proxectos enCaixa, GOINg e Fillkit, polos que recibiu preto de 400.000 euros.

Novos embalaxes para peixe

EnCaixa, polo que a firma boirense recibiu máis de 244.000 euros, é un proxecto de investigación industrial para atopar novas solucións de embalaxe de madeira. Ao abeiro do mesmo, logrouse un novo formato de caixa, útil para o marisco, e o xemelgo dixital para a optimización do proceso de fabricación de caixas de madeira.

No proxecto GOINg, JJ Chicolino participou a través da súa filial Rotogal, que é o fabricante de contedores isotérmicos e produtos de manutención mediante rotomoldeo de maior capacidade de toda Europa. Neste caso o obxectivo era o desenvolvemento de novas ferramentas de xeolocalización integrada en pezas rotomoldeadas aplicadas á loxística industrial, así como dunha plataforma de xestión de procesos mediante big bata para loxística 4.0, para o cal recibiu apoio de máis de 104.000 euros.

No caso de Fillkit, polo que obtivo 47.400€, o proxecto centrouse no desenvolvemento de vivendas sostibles accesibles mediante un kit de autoconstrución transportable e ecoeficiente para responder ao déficit habitacional en Latinoamérica e ao mercado europeo de vivendas de consumo enerxético tendente a cero. A filial Rotogal encargouse da investigación relacionada coa fabricación, mediante técnicas avanzadas de rotomoldeo, dos compoñentes modulares en polietileno. E aínda que finalmente non se acadaron os obxectivos do proxecto, logrouse un prototipo e, ademais, a experiencia adquirida, pode servir de base para futuros proxectos.