Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou na clausura da gala de entrega dos XI Premios Bioga celebrada no Biopolo da Sionlla o carácter transformador do sector biotecnolóxico sobre o resto de sectores e o seu impacto no crecemento económico e social de Galicia.
“Mostra da diversidade de sectores que interaccionan coa biotecnoloxía son as empresas premiadas nesta edición, que traballan en ámbitos como a bioestatística, a nanomedicina ou a intelixencia artificial aplicada á toma de decisións médicas”, sinalou o titular de Ciencia, quen felicitou aos gañadores, Biostatech, Diversa Technologies e Gradiant polo recoñecemento, e agradeceu a Bioga a organización destes galardóns, así como a súa contribución ao fortalecemento do sector.
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, anunciou que para “converter a nosa Comunidade nunha biorrexión de referencia, seguirase traballando no fortalecemento da cooperación entre os distintos axentes e na súa internacionalización”.
Entre as medidas que se poñerán en marcha, destaca a creación dun piloto de oficina de transferencia de coñecemento para o sector biotecnolóxico, o lanzamento de novas convocatorias de axudas que permitan desenvolver proxectos colaborativos no ámbito da biotecnoloxía, a elaboración dun estudo do impacto desta tecnoloxía na economía galega ou a posta en marcha accións para apoiar a transferencia e a creación de spin-offs biotecnolóxicas. Precisamente dúas das empresas premiadas hoxe son froito do programa Ignicia transferencia de coñecemento da Xunta de Galicia.
Estas accións inscríbense no marco da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, cuxo balance intermedio xa avanzou resultados positivos como a mobilización de máis de 370M€ no período 21-23, a creación de 24 novas empresas no sector en Galicia ou a captación do 48% dos fondos obtidos no programa marco de I+D+i europeo.