O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia avanza na transformación dixital do estaleiro co apoio da Xunta

2025-01-23
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, avanzou que o Goberno galego convocará unha nova edición desta liña de axudas este ano
  • Este consorcio estratéxico creado no 2015 optimiza todos os procesos do estaleiro, cun apoio público de 3M€ e un investimento de máis de 8,6M€

Ferrol, 23 de xaneiro de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou hoxe nunha xornada de difusión de resultados do Centro Mixto de Investigación da Universidade da Coruña e Navantia, xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o director do estaleiro Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro. Este consorcio estratéxico, que arrincou en 2015 e que xa pasou por tres fases —creación, consolidación e centro mixto-, ten permitido a optimización de todos os procesos do estaleiro ferrolán, a través da introdución de tecnoloxías facilitadoras e a implementación de xemelgos dixitais de planta e produto, avanzando na transformación dixital deste.

A Xunta achegou a esta unidade preto de 3 millóns de euros mobilizando un investimento total de 8,6 millóns de euros e inducindo a creación de 30 empregos cualificados. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou para anunciar a próxima convocatoria dunha nova edición desta liña de axudas durante o segundo trimestre deste ano que persegue favorecer a cooperación público-privada, aumentar a competitividade do tecido empresarial, xerar coñecemento científico-técnico de excelencia nos centros de coñecemento galegos, crear emprego e impulsar a transferencia de I+D+i a través do apoio a consorcios de investigación entre unha empresa e un organismo de investigación.

Desde a posta en marcha das Unidades Mixtas de Investigación téñense apoiado 55 unidades, nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento, mobilizando un investimento total de preto de 155 millóns de euros.

Tres proxectos na última fase

No caso da alianza da Universidade da Coruña e Navantia atópase na terceira fase na que só hai outras dúas en Galicia, nos eidos da automoción e do medio ambiente. Esta terceira fase pretende darlle estabilidade e continuidade aos grupos mixtos de traballo a medio e longo prazo. Para esta fase, o centro mixto recibiu unha axuda da Xunta de 1,5 millóns de euros para un orzamento total de 3,75 millóns de euros.

Entre os resultados deste centro, cabe destacar a incorporación das innovacións desenvoltas á nova xeración de fragatas F-110, contribuíndo á mellora na seguridade dos buques, á eficiencia na súa construción e operación, ao aumento da súa sustentabilidade ambiental, ao incremento na produtividade e á redución de custos operativos, en definitiva, á mellora substancial da rendibilidade do sector naval galego e da competitividade tecnolóxica de Navantia a nivel internacional.