A Xunta subliña o proxecto de Magallanes Renovables en Redondela como exemplo da I+D+i galega

2025-01-14
  • O conselleiro de Ciencia visita o proxecto desta empresa, que aproveita as correntes das mareas para obter enerxía e que instalará unha plataforma no primeiro parque comercial mareomotriz do mundo no Reino Unido

Redondela (Pontevedra), 14 de xaneiro de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Magallanes Renovables, con sede en Redondela, para coñecer a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de obtención de enerxía mareomotriz. Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a intensa actividade de I+D+i da compañía, que mantén colaboracións con universidades, centros tecnolóxicos e empresas e que deseña e fabrica tecnoloxía en Galicia para exportala ao resto do mundo.

Precisamente, a plataforma ATIR, que instalará un dos primeiros parques comerciais mareomotrices do mundo no Reino Unido, deseñada para aproveitar as correntes mariñas e converter a enerxía cinética do mar en electricidade, recibiu unha axuda da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Mediante automatización avanzada, mellora o seu rendemento e a adaptabilidade, reducindo os custos de operación e mellorando a eficiencia na produción de enerxía eléctrica.

O representante do Goberno galego sinalou durante a visita que o proxecto é “tremendamente significativo, de futuro”, destacando o potencial galego “da empresa e que se fundamenta na investigación, coñecemento e transferencia”.

Por último, Román Rodríguez referiuse a esta empresa pontevedresa como exemplo da participación en proxectos internacionais de I+D+i, no marco de programas como Horizonte Europa ou Interreg Espazo Atlántico, e subliñou a súa participación activa nos procesos de definición tanto da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) como do novo Plan galego de investigación e innovación.