Galicia reforza a aposta pola I+D+i cunha inxección de 61 M€ aos grupos de investigación, predoutorais e posdoutorais

2024-12-16
  • Salienta que Galicia é a comunidade onde máis medrou o investimento neste eido, un 28% máis en 2023 ata chegar a preto de 963 M€
  • O Consello da Xunta dá luz verde ás primeiras catro convocatorias para investigadores do vindeiro ano
  • Román Rodríuguez explica que se convocan 175 novos contratos predoutorais e posdoutorais, un ámbito no cal actualmente Galicia conta con preto de 500 investigadores
  • Sumaranse outros 29 M€ ao financiamento plurianual dos 427 grupos de investigación que traballan en Galicia, unha cifra récord
  • O Goberno galego aprobará á volta do Nadal o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou incrementar “en preto dun 20%” a partida para axudar os grupos de investigación e contratar investigadores predoutorais e posdoutorais “ata superar os 61 millóns de euros”.

Deste xeito, segundo salientou, Galicia consolídase como unha das comunidades que máis aposta pola I+D. Non en balde, a estatística sobre actividades de I+D no ano 2023, recentemente publicada polo Instituto Nacional de Estatística, revela que “Galicia foi a comunidade que máis incrementou o ano pasado o investimento en investigación e desenvolvemento”, ata os 962,8M€ (un 28,2% máis). Rueda salientou que isto supón a cifra máis alta destinada a I+D en Galicia en toda a serie histórica e “case duplica o incremento do conxunto do Estado”, que foi do 15,8%.

Segundo este estudo, en 2023 desenvolveron actividades de I+D en Galicia un total de 13.856 persoas, das cales boa parte son persoal contratado nas universidades públicas galegas e co apoio da Xunta de Galicia a través das distintas convocatorias da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Esta aposta decidida da Xunta pola ciencia continuará nos vindeiros anos. De feito, o orzamento da Xunta en 2025 para a área de Ciencia medra 78 millóns de euros, un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta.

Ademais, tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, está prevista para o vindeiro mes de xaneiro a “aprobación do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027”, co fin último de mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade no eido da I+D+i, potenciando o papel de Galicia como referente neste eido.

32 M€ para predoutorais e posdoutorais

Precisamente un dos piares da contratación de investigadores universitarios son os contratos predoutorais e posdoutorais. De feito, neste momento hai 347 predoutorais e 147 posdoutorais contratados a través das tres convocatorias da Xunta. Para o ano 2025, a principal novidade é o reforzo do orzamento destas tres convocatorias. Tal e como explicou Rodríguez, “máis da metade” da partida hoxe aprobada, uns 32 millóns de euros, “para os contratos de 175 investigadores predoutorais e posdoutorais”.

No que atinxe aos contratos predoutorais, destínanse 12,3 millóns de euros para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i. “A finalidade deste programa é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador”, explicou.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. “O importe máximo da primeira e segunda anualidade para cada axuda é de 24.600€ anuais, para ao terceiro ano é de 25.200 €, e de 30.600 € no cuarto ano”, indicou o conselleiro. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 € anuais. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.

“No caso das axudas posdoutorais, de seis anos de duración, destínanse 15,9 millóns de euros para 49 contratos”, expuxo, ao mesmo tempo que indicou que o obxectivo principal é continuar formando os xa doutorados e que estes establezan unha liña de investigación que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego.

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán un máximo de 32.800€ ao ano. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante os seguintes tres anos, tras superar a avaliación intermedia, os beneficiarios recibirán 50.900€ anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

Ademais, deuse o visto e prace á convocatoria de 24 contratos posdoutorais de continuidade, cun orzamento de case 3,7 millóns de euros. Esta convocatoria ten como obxectivo completar a formación dos investigadores que aínda continúan no modelo anterior de posdoutorais de cinco anos, dividido en dúas fases de tres e dous anos, e cuxos contratos poden así estenderse a un total de seis anos en igualdade de condicións.

Cunha duración de dous anos para a creación dunha liña de investigación propia, o importe máximo dos contratos será de 49.950 € ao ano, un 2,5% máis.

Garantir financiamento aos grupos

Finalmente, explicou Román Rodríguez, aprobouse a convocatoria de axudas dirixida aos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o ano 2025, por un importe de 29,1 millóns de euros. Actualmente hai 427 grupos de investigación en activo, o máximo histórico acadado, co apoio da Xunta, que desenvolven o seu labor co apoio da Xunta nas tres universidades públicas galegas, nos organismos públicos de investigación en Galicia, nas fundacións galegas de investigación sanitaria e nos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.

Esta liña de axudas é o programa nuclear da Xunta de Galicia no financiamento da I+D e ten o obxectivo de garantir un financiamento estrutural aos grupos científicos máis excelentes do sistema galego e a proxectos de excelencia de alto impacto.

Ao igual que nas convocatorias anteriores, a orde inclúe o apoio a grupos de referencia competitiva (modalidade A), a grupos de potencial crecemento (modalidade B) e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente (modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia e o papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no Sistema galego de I+D+i.

O financiamento varía en función dos ingresos medios anuais e das actividades de transferencia de coñecemento, que oscilan entre os 15.000 e os 105.000€ ao ano para cada grupo. As axudas poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación ou de investigadores visitantes como a sufragar ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc.), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico ou consultoría e asesoramento externo, entre outros.