Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Chile, 29 de novembro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asistiu como invitada ao acto de peche do programa institucional da Corporación de Fomento da Produción (CORFO) de Chile no Centro Cultural La Moneda en Santiago de Chile. No acto, no que se presentaron as capacidades do centro tecnolóxico CIREN para mellorar a competitividade de diversos sectores estratéxicos para o país, a representante da Xunta compartiu impresións coa directora de Desenvolvemento Tecnolóxico de CORFO, Elisabeth Zapata, a directora de CIREN, Katherine Araya, e o ministro de Agricultura de Chile, Esteban Valenzuela Trek.
Nunha xuntanza posterior ao evento, conversaron sobre os modelos de innovación en España e no país andino e sobre as estratexias de colaboración público-privada. Ademais, intercambiaron información sobre os modelos de institutos e centros tecnolóxicos en ambos países, sobre o rol da transferencia do coñecemento nos procesos de investigación e de innovación e outros factores tamén clave, para ambos axentes, como os programas de impulso á innovación desde o ámbito educativo e as actividades de difusión e de demostración na educación en idades tempranas. Ao remate desta xuntanza, os representantes de ambas entidades emprazáronse a continuar mantendo xuntanzas máis técnicas proximamente para coñecer en máis detalle os instrumentos de apoio á innovación das diferentes áreas da Corporación Chilena e da Axencia Galega de Innovación.
Este encontro enmárcase na participación da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, que se está a celebrar estes días en Santiago de Chile. A Xunta de Galicia apoia esta cita anual, que naceu no ano 2018 en Galicia da man da Axencia Galega de Innovación e que, nesta sexta edición, reúne a máis de 300 expertos de 20 países. Neste marco, a directora mantivo diversos encontros con representantes de varios países de entre os asistentes ao foro como o Banco Iberoamericano de Desenvolvemento (BID), a Axencia Nacional de Innovación de Portugal (ANI), a Promotora Costarricense de Innovación e Investigación e con diversas empresas e startups interesadas pola experiencia de Galicia en compra pública de innovación, innovación e instrumentos de colaboración público-privada.