Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024.- O Consello da Xunta deu hoxe luz verde a un convenio entre o Goberno galego e a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga) para fomentar a transferencia e a internacionalización da I+D+i galega para os anos 2024 e 2025. A través deste convenio de colaboración, que conta cun orzamento de 225.000 euros, a Xunta de Galicia busca impulsar o potencial dos centros tecnolóxicos e afianzar o seu traballo en beneficio do tecido empresarial e, por conseguinte, de toda a sociedade galega.
Con este acordo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional potenciará a alianza dos centros tecnolóxicos de Galicia para contribuír a maximizar o valor achegado e incrementar a competitividade no ámbito industrial e empresarial a través da xeración de sinerxías. Así mesmo, o convenio favorecerá a excelencia na investigación, na transferencia de coñecemento e na valorización dos resultados de investigación.
A Axencia Galega de Innovación achegará un importe total de 210.000 euros, co obxectivo de fomentar a visibilidade e competitividade do sistema galego de I+D+i, activando a presenza de Atiga en redes tecnolóxicas europeas e a participación de empresas galegas nos proxectos dese ámbito. Promocionaranse, tamén, as tecnoloxías emerxentes e o potencial dos centros tecnolóxicos para axudar a innovar o tecido empresarial. O orzamento servirá, ademais, para consolidar e mellorar a fortaleza e competitividade dos centros tecnolóxicos galegos, analizando a súa especialización e concordancia coas tendencias europeas.
Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aliñándose cos seus principais retos e prioridades: impulsar a presenza internacional de Galicia no ámbito da I+D+i. Por iso, a Xunta de Galicia considera prioritario seguir identificando, en colaboración coa Atiga, proxectos concretos que permitan aproveitar as oportunidades que brinda esta estratexia.
A Axencia Galega de Innovación, agora dependente da Consellería de Ciencia, leva colaborando con esta asociación desde o ano 2015, achegando preto de 1,1M€ a este convenio de colaboración para o impulso da I+D+i galega.