A Xunta asesora a máis de 100 entidades e investigadores para optar a fondos europeos de I+D+i en 2025

2024-11-12
  • A Axencia Galega de Innovación celebra unha xornada para facilitar que profesionais da comunidade opten a estas convocatorias e facilitar colaboracións estratéxicas

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024.- A Axencia Galega de Innovación celebrou hoxe unha xornada de impulso á participación galega nas convocatorias europeas de I+D+i de 2025, promovendo o achegamento entre empresas e axentes para facilitar colaboracións estratéxicas que concorran con éxito aos programas de financiamento da Unión Europea. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou na apertura do encontro, que reuniu a máis de 100 membros do ecosistema galego de I+D+i, que Horizonte Europa “é o maior fondo público de apoio neste eido e cubre a totalidade da cadea da innovación, desde a investigación máis básica ata a chegada ao mercado”.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou tamén que nestes programas, para desenvolver unha proposta competitiva, “é necesario traballala con suficiente antelación. Por iso, compartiremos toda a información dispoñible neste momento sobre as convocatorias de 2025”. Precisamente, o obxectivo desta xornada é iniciar un proceso que leve a identificar posibilidades de participación en proxectos europeos competitivos e establecer colaboracións entre potenciais interesados en participar nelas.

Para elo, déronse a coñecer tanto as prioridades de Horizonte Europa para 2025 como doutros programas de financiamento relevantes, o calendario de implementación das convocatorias de 2025, así como os servizos de acompañamento que ofrece o Goberno galego para apoiar a participación galega nestes programas. Así mesmo, preto de 60 profesionais do ecosistema presentaron os seus intereses e capacidades para concorrer a estas convocatorias, co obxectivo de establecer colaboracións entre eles que leven a participar conxuntamente en futuros proxectos.

En vindeiras semanas e meses, celebraranse sesións de traballo máis específicas por clúster ou área temática nas que se profundará nas convocatorias abertas para detectar oportunidades de proxectos. Ademais, no marco do programa PEMEuropa, que ofrece servizos a empresas para apoiar a súa participación en proxectos europeos, prestarase asesoramento a pemes na definición da idea, alcance, obxectivos e estruturación de proxecto, así como na busca de socios e colaboracións. Por último, tamén dirixido a pemes, ofrecéselles a posibilidade de facer unha revisión final das propostas por parte de avaliadores experimentados nestes programas antes da súa presentación.