Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, clausurou hoxe a xornada participativa co ecosistema galego de I+D+i no que se definiron os ámbitos temáticos que priorizará o novo programa Nexos. Trátase dunha liña de axudas, que se publicará en 2025 e estará dotada con máis de 20 millóns de euros, que o conselleiro anunciou para apoiar proxectos de I+D+i entre empresas en colaboración con centros de coñecemento. Entre as novidades da convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o programa ConectaPeme que funcionaba anteriormente.
Ademais, o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salientou algúns resultados do balance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020, que foron presentados e validados cos axentes galegos da I+D+i ao longo da xornada. Entre eles, apuntou que os axentes galegos obtiveron financiamento público por importe superior a 1.600 millóns de euros para a súa I+D+i, que permitiu mobilizar máis de 2.400 millóns de euros. Así mesmo, subliñou os avances en todas as metas da estratexia, especialmente no tocante ás oportunidades para o talento investigador e emprendedor.
A través dun proceso participativo que recibiu máis de 600 achegas, os participantes apuntaron entre os resultados máis relevantes o aumento das empresas innovadoras, a transformación do tecido empresarial, o incremento dos niveis de colaboración público-privada, o número de profesionais dedicados á investigación e a modernización de infraestruturas e equipamentos de I+D+i. No que respecta aos impactos derivados destes apoios, o gasto en I+D+i incrementouse nun 57% no período de vixencia da Estratexia, a produción científica nun 62% e os establecementos de alta e media alta tecnoloxía nun 61%. Por último, en canto á adecuación das axudas ás necesidades existentes, case un 90% dos participantes amosáronse satisfeitos.
Novo Plan galego de investigación e innovación 25-27
O representante do Goberno galego sinalou que estas conclusións da Estratexia de especialización intelixente 2014-2020 permitirán orientar os seguintes pasos na consolidación de Galicia como territorio referente en innovación, en concreto o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-27. De feito, esta xornada serviu para seguir avanzando na elaboración deste, da man dos integrantes do ecosistema galego de I+D+i, que tiveron oportunidade de participar activamente na definición dos instrumentos concretos que incluirá.
Posteriormente, o Plan pasará por unha serie de pasos: contrastarase cun grupo de expertos e será sometido á Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e ao Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta.