Román Rodríguez sinala nas xornadas da Academia Joven de España o carácter fundamental da investigación universitaria para o futuro

2024-10-25

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da cuarta xornada da Academia Joven de España 2024, que aglutina a expertos da investigación para poñer sobre a mesa o traballo neste campo e cara onde camiña. “Para acadar un futuro prometedor é fundamental contar cun sistema de investigación, transferencia e desenvolvemento forte e sostible, ligado directamente á Universidade, para o que eventos como o de hoxe son fundamentais”, sinalou o representante da Xunta de Galicia.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia puxo en valor o traballo que se fai desde Galicia para ofrecer novas oportunidades ao talento e destacar na excelencia universitaria. “Queremos alimentar as sinerxías entre os centros tecnolóxicos e os de carácter universitario para construír redes que beneficien directamente o tecido produtivo e á cidadanía”, dixo, poñendo en valor tamén “aos axentes clave para este propósito: a Rede CIGUS de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina 10 centros punteiros de universidades galegas; preto de 430 grupos de investigación, os case 200 contratos predoutorais e posdoutorais e os programas de captación de talento como Oportunius”.