Román Rodríguez sinala o novo Cesga como “o mellor exemplo da Galicia futura” reflectida nos orzamentos da consellería, que medran ata superar os 3.000 M€

2024-10-18
  • Avanza que o Consello da Xunta aprobará o luns a licitación das obras do novo edificio do Centro de Supercomputación, que estará listo en xuño de 2026
  • O Goberno galego vai crear, a través da Lei de medidas, a figura de proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública e o Cesga será o primeiro en solicitar a súa declaración para axilizar ao máximo os trámites e prazos
  • O conselleiro salienta os investimentos do seu departamento na cidade, con 12 M€ para construír a nova Facultade de Farmacia e 17 M€ para centros de investigación

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a parcela na que se construirá a nova sede do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) por valor de máis de 12M€ e no que se albergarán novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas. O representante da Xunta definiu este proxecto como “o mellor exemplo da Galicia futura”, que é posible grazas á acción dun Goberno estable, que aprobará os seus Orzamentos de 2025 en tempo e forma co obxectivo de poder desenvolver as políticas públicas previstas.

O titular de Educación e Ciencia do Goberno galego elixiu Santiago como cidade para realizar unha primeira valoración dos Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que medrarán ata superar por primeira vez os 3.000 M€. Trátase dun crecemento do 2,2 % e acadan un novo récord histórico, o que se traduce en 66 M€ máis a disposición do ensino e do I+D+i da nosa Comunidade, que ten en Compostela un dos seus referentes.

Acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e do director do Cesga, Lois Orosa, o conselleiro avanzou que o vindeiro luns o Consello da Xunta aprobará a construción do novo edificio do Cesga, unha entidade cuxa titularidade é compartida entre a Xunta de Galicia e o CSIC. A súa delegada en Galicia, Carmen González, estivo tamén presente no acto de presentación. En conxunto, o novo Cesga superará os 56 M€, a través de fondos propios da Xunta e fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. Para a edificación, resérvanse máis de 12 M€.

Así mesmo, o conselleiro anunciou que a Xunta, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas, vai crear a figura de proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública. O Cesga será o primeiro en solicitar esta declaración, co fin de facilitar ao máximo os trámites e prazos para levalo a cabo antes de xuño do ano 2026.

Requirimentos da parcela

Localizada no polígono da Sionlla, a parcela na que se levantará o edificio conta cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e cumpre todos os requirimentos imprescindibles para desenvolver un proxecto desta complexidade técnica, así como todos os requisito urbanísticos que garanten a axilidade na construción, pois o edificio debe estar rematado no período previsto para a xustificación dos fondos europeos que Galicia ven de recibir. Terá unha superficie construída de 2.500 metros cadrados.

Román Rodríguez salientou que o novo Cesga é “un dos proxectos estrela da Consellería nesta lexislatura”, cun edificio moderno que vai acoller novas estruturas de supercomputación, con máis capacidade, “buscando estar á vangarda en Europa, para dar servizo tanto aos nosos científicos como ás nosas empresas”.

Neste senso, lembrou que dos 56 M€ totais, 12 M€ dedícanse á construción, mentres que 18,6 M€ serán para o Finisterrae IV, o futuro supercomputador que cubrirá tamén necesidades vinculadas á intelixencia artificial; 18 M€ para o desenvolvemento de novas capacidades que impulsen o ecosistema de computación cuántica en Galicia, e 7,8 M€ para o incremento da capacidade de almacenamento de datos de gran valor engadido.

Máis investimentos na capital galega

A construción do novo edificio do Cesga e a dotación de novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas é unha das grandes actuacións que iniciará en 2025 a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na cidade de Santiago de Compostela. Non é a única, pois a esta súmanselle a construción da nova Facultade de Farmacia, o apoio aos centros de investigación e a reforma e modernización dos centros educativos.

No caso concreto da Facultade de Farmacia, a Consellería vai apoiar con 12 M€ ata 2026 á Universidade de Santiago para construír as instalacións. A propia USC será tamén beneficiaria de boa parte dos 17 M€ para centros de investigación. En concreto, entre 2024 e 2027 recibirán 2,8 M€ o CIMUS, Centro de Investigación en Medicina Molecular; 3 M€ o CIQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares; 2,4 M€ o CITIUS, Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes; 3 M€ o IGFAE, Instituto Galego de Física de Altas Enerxías compartido entre a USC e a Xunta, e 1,6 M€ o CRETUS, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais.

Ademais, a Xunta apoia a creación dun novo centro de investigación empresarial, de Mestrelab, que abrirá moi pronto as súas portas. Especializado en software científico para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico, está a recibir 4,2 M€ da Xunta. A última partida deste montante está incluída precisamente nos Orzamentos de 2025.

Finalmente, Román Rodríguez lembrou que no período 2021-2024, a Xunta investiu 5,5 M€ na reforma, ampliación e modernización de 13 centros educativos en Santiago a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Agora, avanzou unha segunda fase na que se superarán os 6 M€. A coñecida ampliación do Instituto IES Eduardo Pondal, que vai comezar cun investimento de 3 M€, sumaranse a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (2 M€), a renovación das cuberta e dotación dun ascensor do IES Rosalía de Castro (500.000 €), a renovación da cuberta do IES Pontepedriña (375.000 €) ou distintas melloras no Centro Integrado de FP Politécnico, por máis de 350.000€.