A Xunta subliña o potencial do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, ao que destina 6 M€ para a súa actividade científica

2024-10-16
  • O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación visitan este centro da Universidade de Vigo, que é un dos máis excelentes de Galicia

Vigo, 16 de outubro de 2024.- Xunta de Galicia destaca o potencial científico do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina CINBIO, da Universidade de Vigo, que forma parte da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que aglutina os axentes investigadores máis punteiros que operan nas universidades galegas.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron esta mañá o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está liderando así como para explicar o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que se materializa nunha inxección de preto de 6M€ nos últimos anos.

Esta visita forma parte da rolda de encontros que os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP están realizando aos centros de investigación universitaria e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as necesidades no eido do I+D+i buscando posibles colaboracións e sinerxías logo da nova estrutura do Goberno galego.

Na área dos nanomateriais, a axenda científica do CINBIO concéntrase no estudo da aplicación de propiedades ópticas, catalíticas, magnéticas, térmicas e de transporte en diferentes nanomateriais e sistemas. No eido da biomedicina, as liñas prioritarias de investigación inclúen o estudo de biomarcadores, terapias avanzadas e as bases moleculares das enfermidades, co obxectivo de deseñar novas terapias e tratamentos que aproveiten o potencial da nanotecnoloxía.

171 investigadores

Actualmente o CINBIO conta con 171 investigadores, entre os que destaca a incorporación do profesor Luis M. Liz Marzan, un referente internacional neste eido, así como a captación de tres investigadores posdoutorais con alto potencial procedente de ETH Zúrich. A traxectoria excelente deste centro queda reflectida tamén nas más de 600 publicacións levadas a cabo no período 2020-23, o 58% delas en coautoría internacional, ou os 16,5M€ captados en proxectos competitivos internacionais nese mesmo período.