A Xunta convoca a VI edición do Premio Empregados Públicos Innovadores coa incorporación dunha nova categoría sobre simplificación administrativa

2024-10-15
  • Con este galardón búscase crear unha Administración pública máis eficiente e moderna capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía, así como recoñecer a actitude innovadora dos empregados públicos
  • O certame conta con tres categorías e está dotado con 2.000 euros para as solicitudes individuais e 3.000 euros para as solicitudes grupais
  • O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de novembro

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024.- A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da sexta edición do Premio Empregados Públicos Innovadores. Este galardón busca recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Administración pública galega para facela máis eficiente, moderna e innovadora, así como capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes desde mañá e ata o 15 de novembro a través da sede electrónica.

Esta sexta edición do premio chega coa incorporación dunha nova categoría de Simplificación administrativa. Con ela búscase responder a unha das maiores demandas da cidadanía: a racionalización administrativa e a simplificación dos procedementos mediante a axilización de trámites. Como os cinco anos anteriores, contarase tamén coas categorías de Identificación de oportunidades e Proxecto coa temática máis innovadora. Coa primeira prémiase a identificación de retos de innovación dentro da Administración tras determinar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía, mentres que coa segunda búscanse os proxectos innovadores xa realizados ou en curso.

A esta convocatoria poderá presentarse todo o persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos). Os galardóns están dotados con 2.000 euros para quen gañe individualmente e 3.000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata tres persoas.

Premiados en edicións anteriores

Nas cinco edicións anteriores, presentáronse un total de 143 proxectos. Na pasada edición, con 24 proxectos, resultou gañadora unha iniciativa que propón o uso de drons para realizar un mapa térmico das cidades galegas en que se poida identificar a perda de enerxía polas cubertas envolventes dos edificios. Tamén se recoñeceu unha iniciativa de control da avespa velutina que consiste en eliminar niños a través da introdución de insecticida nun lugar específico destes. Deste xeito, co Premio de Empregados Públicos Innovadores consolídase a aposta da Administración galega por un novo rol nas políticas de apoio e fomento da I+D+i.