Román Rodríguez culmina a visita aos centros tecnolóxicos galegos, que terán un papel destacado no novo Plan Galego de Investigación e Innovación

2024-10-13
  • O conselleiro de Ciencia achégase aos nove centros para escoitar as súas necesidades e reiterar o apoio da Xunta no desenvolvemento dos seus proxectos

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2024.- Nas súas novas competencias á fronte de I+D+i galego, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de achegarse aos nove centros tecnolóxicos galegos para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os proxectos nos que están somerxidos. Durante as visitas, o representante da Xunta escoitou as necesidades dos centros e comprometeu o apoio do Goberno galego no desenvolvemento das súas i+D+i e no impulso da transferencia de coñecemento.

“O traballo dos centros tecnolóxicos é fundamental para o impulso do tecido socioeconómico de Galicia, e no noso papel de Administración pública queremos asentar unha boa base de colaboración fluída, na que aproveitar o magnífico labor feito en materia de investigación e innovación nos últimos anos”, sinala Román Rodríguez. “O traballo que desenvolven é unha mostra clara do gran crecemento de Galicia no campo da innovación, polo que debemos seguir traballando nesta liña e seguir acadando éxitos”, engade.

Este impulso e apoio realizarase a través do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, no que os centros tecnolóxicos terán un papel destacado. Este plan é un instrumento co que se concretarán as iniciativas e apoios á I+D+i para avanzar neste eido e potenciar Galicia como territorio referente. “Isto supón un salto cualitativo e cuantitativo co obxectivo de posibilitar a sinerxía entre o coñecemento, a innovación e a ciencia e así dar resposta aos requirimentos dos sectores produtivos e conseguir unha Comunidade máis competitiva”, destaca o titular de Ciencia.

Aprobación antes de final de ano

O Goberno galego traballa para ter aprobado este plan a final de ano, co fin último de mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade. Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP parte dunha avaliación, xa en marcha, da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia do período anterior, e contará coa participación dos membros do ecosistema galego de I+D+i e coa opinión contrastada dun grupo de expertos na materia.

O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten entre os seus obxectivos acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.

Actividade científico-tecnolóxica e de innovación

Ao largo dos últimos meses, Román Rodríguez visitou a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) no Porriño, o Centro de Automoción de Galicia (CTAG) no Porriño, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA) en Vigo, o Centro Galego de Investigacións de Auga (CETAQUA) en Ourense, onde ten as súas instalacións o Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) en Culleredo, o centro tecnolóxico de telecomunicacións de Galicia (Gradiant) en Vigo, o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) en Vigo, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) na Coruña e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) en Ribeira.

Estas visitas tiñan como fin, ademais de coñecer o seu labor, dar visibilidade a actividade de i+D+i en Galicia e a maior potencialidade ao traballo que desenvolven estes centros tecnolóxicos, así como abrir esta realidade a toda Galicia, dentro das súas novas competencias nesta materia.