A Xunta participa na Noite galega das persoas investigadoras cunha viaxe ao interior do Supercomputador Finesterrae III

2024-09-27
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asiste a esta actividade e á conferencia sobre Matemático Rodríguez
  • O evento achega a ciencia a rúas, museos, institucións educativas e bares das sete cidades da man dos investigadores

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2024.- A Xunta de Galicia participa hoxe na Noite galega das persoas investigadoras (G-Night) cunha viaxe ao interior do supercomputador Finisterrae III, instalado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa nesta actividade, que se complementa cunha charla sobre os usos desta tecnoloxía na produción de coñecemento para a mellora da vida das persoas.

O supercomputador púxose en marcha en 2022 e presta servizos informáticos avanzados a máis de 500 grupos de investigación, desenvolvemento e innovación en centros e universidades galegas, do Consello Superior de Investigacións Científicas, administracións e empresas, ademais de proporcionar capacidade de cálculo á Rede española de supercomputación (RES) e a iniciativa europea de supercomputación Partnership for Advanced Computing in Europe (PRACE) a través das chamadas Distributed European Computing Initiative (DECI). Cada ano proporciona máis de 70 millóns de horas de cálculo a diferentes áreas científicas e de coñecemento.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asiste tamén á charla organizada pola Real Academia Galega de Ciencias sobre Matemático Rodríguez, declarado científico do ano por esta entidade. Baixo o título O metro calculado por un galego no século XIX, o matemático e investigador Xabier Pérez Couto achega ao público asistente aos logros do considerado como o primeiro científico galego, que contribuíu ao establecemento do sistema métrico e á determinación da verdadeira forma da Terra, entre outros fitos.

Coordinada pola Universidade de Vigo, a Noite Galega das Persoas Investigadoras inclúe decenas de actividades nas sete cidades para a ciencia a rúas, museos, institucións educativas e bares.