A Xunta pon en valor a excelencia e as capacidades en I+D+i de Galicia ante o alumnado internacional da USC

2024-09-14
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa no International Welcome Day da Universidade de Santiago con estudantes de máis de 40 países

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe no evento de recepción do estudantado internacional da Universidade de Santiago de Compostela, o International Students Welcome Day, ao que asistiron preto de 400 estudantes de máis de 40 países.

No acto, no que tamén participou o reitor, Antonio López, entre outras autoridades, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor as capacidades e o alto nivel de excelencia do ecosistema galego de I+D+i, especialmente das universidades, que son o “principal puntal”.

Carmen Cotelo presentoulle ao alumnado estranxeiro a aposta da Xunta pola captación, retención e atracción de talento investigador e innovador cara Galicia, porque as persoas son o “principal activo na I+D+i”, e explicou que, para isto, a Administración autonómica conta cun completo abano de apoios que abarcan toda a carreira investigadora, desde a formación ata a consolidación, pasando pola incorporación ao tecido empresarial ou aos centros de innovación.

Así mesmo, destacou a importancia da diversidade, da internacionalización e da colaboración para avanzar no desenvolvemento de coñecemento e animou ao estudantado internacional da USC a actuar como embaixadores da “marca Galicia” tamén no eido da I+D+i nos seus respectivos territorios.