O conselleiro de Sanidade resalta o liderado de Galicia como referente mundial no ámbito da medicina xenómica no 30º Congreso da Sociedade Internacional de Xenética Forense

2024-09-10
  • A Xunta está a desenvolver o Proxecto Xenoma Galicia, o mapa xenético máis ambicioso do mundo ao recompilar o ADN de 400.000 galegas e galegos
  • No campo forense, Galicia foi pioneira en dar acceso aos médicos forenses á historia clínica electrónica para mellorar as investigacións xudiciais
  • No eido da biotecnoloxía, Román Rodríguez destaca a Estratexia de Consolidación coa que o Goberno galego reforza o posicionamento da comunidade como biorrexión

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, inauguraron hoxe, en Santiago de Compostela, o 30º Congreso da Sociedade Internacional de Xenética Forense, no que se destacou o liderado de Galicia como referente mundial no eido da medicina xenómica.

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade recoñeceu o traballo do doutor Ángel Carracedo e o seu equipo, que participan no Proxecto Xenoma Galicia. Con este proxecto, a Xunta recollerá o ADN de 400.000 galegos e galegas para trazar un mapa xenético da comunidade que, polo seu tamaño, será unha ferramenta esencial para a comunidade científica global.

Gómez Caamaño tamén sinalou a medida pioneira da Xunta coa que, desde 2015, os médicos forenses galegos poden acceder á historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, melloran en rapidez e eficacia as investigacións xudiciais en Galicia. Ademais, o Servizo Galego de Saúde e o Instituto de Medicina Legal de Galicia colaboran en mellorar a acreditación de probas en caso de agresión sexual, tanto na recollida de mostras como a garantía da cadea de custodia.

Pola súa parte, o titular de Ciencia puxo en valor o traballo do sector biotecnolóxico, ao que se está apoiando a través de diferentes medidas, entre as que destaca a Estratexia de Consolidación do Sector Bio, “co que buscamos mellorar o posicionamento de Galicia como biorrexión”. “O noso obxectivo debe pasar por reforzar a I+D+i para maximizar o traballo das cadeas de valor e garantir a transferencia de coñecemento cara os principais sectores”, concluíu Román Rodríguez.