Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Vigo, 4 de xuño de 2024.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel de Galicia como referente na biotecnoloxía. Fíxoo na presentación da segunda edición do Galicia Biodays, o foro da industria da Biotecnoloxía e Ciencias da Vida no Espazo Atlántico Europeo, que se celebrará os días 12 e 13 de xuño en Vigo co apoio da Xunta. O encontro está organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).
O conselleiro puxo en valor a aposta do Goberno galego por un sector “que marca a diferencia tanto en rendemento produtivo como en transformación innovadora”. Neste sentido, lembrou a posta en marcha da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. “Fomos unha comunidade pioneira que soubo adiantarse ás tendencias globais no eido da biotecnoloxía e avanzar así na atracción de talento, de investimento e de actividade empresarial”, afirmou.
“Ese compromiso mantense intacto hoxe grazas a Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, que conta cun orzamento de 622M€ do que o investimento público son 430M€”, explicou Román Rodríguez, quen sinalou que xa se teñen captado máis de 200M€ de financiamento público estatal e europeo a través desta folla de ruta.
Un sector que medra
Román Rodríguez quixo tamén felicitar a Bioga pola súa contribución á mellora do posicionamento e cohesión do tecido biotecnolóxico galego. “Un sector que sigue medrando en Galicia e que, segundo a enquisa do Instituto Nacional de Estatística, empregou en 2022 a máis de 1200 investigadores e supuxo un gasto en I+D de máis de 127M€”, dixo.
Así mesmo, subliñou o impulso do clúster á dinamización do emprendemento e da colaboración entre centros de coñecemento e axentes produtivos, “en concordancia cunha das liñas de acción estratéxicas da Xunta arredor da ciencia, que é precisamente a transferencia do coñecemento ao tecido produtivo”, incidiu.
Polo de Innovación
A Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como rexión referente en biotecnoloxía, fomentar a xeración de negocio, e garantir a consolidación empresarial en torno a un Polo de Innovación Biotecnoloxía, que será a panca para o bioemprendemento e a atracción de empresas intensivas en I+D+i.
Isto supón estimular o uso da biotecnoloxía en todos os sectores produtivos, fomentando un ecosistema colaborativo baseado na transferencia de coñecemento. Entre os obxectivos específicos está o incremento do capital humano (un 20% no número de investigadores e un 25% no emprego do persoal cualificado) e o 50% do número de empresas biotecnolóxicas en Galicia, entre outros.
Desde a súa posta en marcha en 2021 acadáronse numerosos fitos, como a posta en marcha do biopolo do Centro de Fabricación Avanzada Sionlla Biotech, do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, do centro de investigación empresarial Mestrelab ou a ampliación e actualización da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, todos eles co apoio da Xunta de Galicia.