A Xunta impulsa a transformación innovadora da empresa morañesa Vertifil

2024-04-11
  • A directora da Axencia Galega de Innovación e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron a compañía dedicada á fabricación de textís técnicos
  • Vertifil desenvolveu un plan de innovación orientado á transformación dos seus procesos e estruturas co apoio do programa InnovaPeme

Moraña (Pontevedra), 11 de abril de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta mañá a peme morañesa Vertifil Industrial, dedicada á fabricación e comercialización de textís técnicos. Vertifil foi beneficiaria dunha axuda do programa InnovaPeme 2022 da Xunta de Galicia por un importe superior a 93.000 euros, para un proxecto cun orzamento total do proxecto de 187.000 euros para abordar unha estratexia de transformación dos seus procesos e estruturas de innovación a través da incorporación de tecnoloxías facilitadoras esenciais e innovación aberta.

Argerey destacou o carácter innovador da peme morañesa e apuntou que, grazas ao programa InnovaPeme, conseguiron definir a súa estratexia de innovación e implementar tecnoloxías facilitadoras esenciais como BigData, Intelixencia Artificial ou automatización para monitorizar e controlar o sistema de produción e o stock. Así mesmo, conseguiu sacar ao mercado un novo produto: Stone FG, unha liña de tecido para exteriores a base de alma de fibra de vidro, e avanzou nas propiedades ignífugas dos seus tecidos co fin de adaptarse á normativa europea e a certificados de sustentabilidade. Desde 2017 a través das convocatorias de DeseñaPeme e InnovaPeme téñense beneficiado 310 pemes, mobilizando 44,5 M€ de investimento en innovación, dos que a Xunta financiou un 50%, 22,25 M€.

Pola súa banda, o delegado territorial sinalou o compromiso da Xunta co tecido produtivo galego” e a necesidade de “seguir colaborando coas nosas empresas para que sexan competitivas en todos os mercados”.

Materiais innovadores

Vertifil conta con varios materiais innovadores depositados na Materioteca de Galicia como un pavimento vinílico con redución acústica a partir de fíos de poliéster, un sistema de paneis acústicos que axuda á compartimentación flexible de espazos, paneis acústicos modulares e modulables que reducen a contaminación acústica, achegan deseño e presentan características ignífugas e un revestimento vinílico para paredes e chans altamente resistente á fricción e propiedades ignífugas.

A Materioteca de Galicia é un espazo de difusión de materiais innovadores posto en marcha pola Xunta de Galicia en 2018 co obxectivo de dinamizar o uso deste tipo de materiais por parte das empresas galegas, partindo de que son clave na industria pola súa capacidade para incrementar a competitividade en todos os sectores económicos. Desde a súa inauguración, a Materioteca recompilou 125 materiais procedentes de empresas, universidades e centros tecnolóxicos de Galicia. Ademais, organizáronse 14 workshops de diversas temáticas e publicáronse informes diversas temáticas, accesibles dende a web da Materioteca. Así mesmo, desenvolveuse o primeiro certame de materiais innovadores de Galicia.

Actualmente, estase a traballar nun mapa do coñecemento galego sobre as tecnoloxías para o desenvolvemento de materiais que permitirá localizar equipos de investigación en Galicia que estean involucrados no desenvolvemento de materiais innovadores. Ademais, en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia, estase a crear un catálogo de recursos naturais, co que se pretende promover e difundir o potencial da minería galega e estimular iniciativas, baseadas no mellor coñecemento do potencial mineiro galego. En 2024 está previsto realizar dous workshops temáticos sobre materiais, unha campaña para aumentar o número de materiais recompilados e outra para potenciar as visitas institucionais á Materioteca.