A Xunta de Galicia pon en valor en Málaga o ecosistema galego de I+D+i

2024-03-22
  • A Xunta de Galicia conta cun mostrador institucional no Foro Europeo Transfiere 2024 no que participan unha vintena de centros de I+D galegos
  • Esta acción enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Axencia Galega de Innovación

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024.- A Xunta de Galicia pon en valor o modelo de ecosistema galego de I+D+i na décimo terceira edición de Transfiere, o foro europeo para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que se celebra ata hoxe no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga. Así, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, conta cun mostrador institucional no que participa unha delegación dunha vintena de entidades de I+D+i galegas que presentan neste encontro profesional e multisectorial as súas capacidades científicas e tecnolóxicas.

Están presentes a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde da Consellería de Sanidade; as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo; a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Idis), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), a Delegación do CSIC en Galicia, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que engloba ao centro tecnolóxico Aimen, a Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) , Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energy Lab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim); o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), Tecnópole, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) e Unirisco. Esta iniciativa da Xunta ten como obxectivo xerar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación que se está a facer en Galicia.

Transfiere 2024 é o maior evento europeo sobre transferencia no que compartir coñecemento científico e tecnolóxico, conectar o ecosistema de I+D+i español co ámbito global e vincular ciencia e empresa.

Ademais, a Axencia Galega de Innovación interveu onte nunha mesa redonda na que se debateu sobre a territorialidade na innovación, xunto a representantes do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e das administracións autonómicas de Andalucía, Illas Baleares e a Comunidade Valenciana.

A participación neste foro enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que ten como obxectivo mellorar a transferencia dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de maneira que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade.

O Programa Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España, que contribúe desde 2016 á transformación do modelo económico en Galicia como mostran as súas cifras de balance. Destaca o apoio do programa a 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e 3 acordos coa industria), a creación de máis de 120 empregos ou a captación de 19,8 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado. Ademais, actualmente hai uns 200 profesionais formados en transferencia de coñecemento en Galicia a través do Programa Ignicia por medio de ciclos formativos específicos, ademais de facilitarlles asesoramento para a solicitude do certificado RTTP (Registered Technology Transfer Professional), o estándar internacional que acredita a competencia e experiencia dos profesionais da transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Galicia é a Comunidade con máis profesionais de xestión de transferencia que contan coa acreditación RTTP, sumando actualmente unha vintena.

Ignicia é un programa que actúa de xeito integral na valorización do coñecemento, abordando o financiamento e tamén outros aspectos como a formación e profesionalización de persoas investigadoras e xestoras de transferencia, o fortalecemento das estruturas dedicadas a este labor, a promoción e visibilización das capacidades e a monitorización de indicadores e resultados. Neste sentido, actualmente estase a traballar en varias actuacións que cobren toda a cadea de valor do laboratorio ao mercado, como mecanismos de financiamento que atendan as necesidades de transferencia en etapas máis iniciais, experiencias de compartición de servizos entre diferentes axentes, o deseño dunha oficina de transferencia de coñecemento de Galicia que poida valorizar proxectos de todo o ecosistema de innovación, un plan de viabilidade para a creación dunha oficina de transferencia especializada en materiais e proximamente presentarase a nova metodoloxía de identificación e valorización de patentes, entre outras.