A Xunta avoga por formar e reter talento científico-tecnolóxico en Galicia

2024-03-20
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa coruñesa HACK A BOSS, dedicada á formación de carácter intensivo en tecnoloxía

A Coruña, 20 de marzo de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa coruñesa HACK A BOSS, que se dedica a impartir cursos formativos especializados de carácter intensivo no ámbito da programación web e a ciencia de datos, así como cursos de verán de programación.

Creada hai cinco anos, pasou de 5 a 80 traballadores, contribuíu á inserción laboral de case mil persoas e está valorada como unha das mellores empresas tecnolóxicas para traballar, segundo informa a startup. A directora de Gain aproveitou a ocasión para destacar a importancia da formación de talento científico-tecnolóxico en Galicia para dispor de persoas capaces de responder ás prioridades do novo modelo económico como a transición verde e dixital.

Neste sentido, Argerey apuntou que Galicia está sendo capaz de atraer e reter talento no ámbito da I+D+i, a través de distintos programas, algúns específicos como Principia, Investigo, Oportunius, Talento Senior, Ignicia, doutoramento industrial ou os contratos predoc e posdoc cos que se ten apoiado (no período 2014-2021) máis de 11.000 empregos para persoal investigador e tecnolóxico e dedicado á innovación. Actualmente, acaba de pechar a convocatoria do programa Investigo pero está prevista a convocatoria de Doutoramentos Industriais para o segundo trimestre.

Así mesmo, aprobouse o decreto que regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal investigador nos organismos de investigación dependentes da Xunta de Galicia, unha norma que ofrece un marco laboral estable e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para eles. Así como o programa Oportunius, deseñado para a incorporación de talento excelente vencellado á obtención, con carácter previo dunha axuda do European Research Council. Actualmente son 17 as persoas contratadas a través deste programa Oportunius e está pendente a incorporación dun profesional máis. Así mesmo, está prevista a convocatoria de 3 novas prazas nos vindeiros meses. En total, agárdase contar con 21 investigadores e investigadoras Oportunius contratados/as no primeiro semestre do 2024.

Precisamente, HACK A BOSS foi beneficiaria no ano 2019 dunha axuda do programa Talento Sénior, por importe de 64.000 euros, para a contratación dun profesional de alta cualificación encargado de realizar tarefas de I+D+i por un período de tres anos. En concreto, o perfil da persoa que se incorporou á empresa foi a dun experto responsable de incubar e acelerar ideas de negocio dixitais, de deseñar e lanzar ao mercado produtos dixitais de alto valor e impartir talleres formativos sobre desenvolvemento de produto dixital.