A Xunta presenta a súa estratexia para a atracción, retención e retorno do talento científico durante o primeiro foro de investigación galega no estranxeiro

2024-03-14
  • O evento, organizado por Investigal, a Rede Galega pola Investigación, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, reuniu a preto de 50 investigadoras e investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira no exterior
  • Entre as iniciativas que promove a Administración autonómica para a atracción do talento destaca o Programa Oportunius, que ofrece oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia, complementando as axudas do European Research Council (ERC) e reforzando as opcións de acceso ás mesmas

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024.- A Xunta de Galicia presentou a súa estratexia para a atracción, retención e retorno do talento científico aos asistentes ao I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro (FIGAE), que se celebrou en Bruxelas organizado por Investigal, a Rede Galega pola Investigación, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación e co apoio da Embaixada de España en Bélxica.

A primeira edición de FIGAE reuniu a preto de 50 investigadoras e investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira profesional no exterior, co obxectivo de establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de desenvolver unha carreira na Comunidade. Así mesmo, FIGAE serviu para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta, as universidades galegas e outros axentes e visibilizar as oportunidades de retorno de talento.

Durante o evento, a Axencia Galega de Innovación participou nunha mesa redonda sobre a estratexia de política científica, xunto a representantes da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo. Nesta intervención déronse a coñecer as distintas iniciativas de atracción do talento do ecosistema galego de I+D+i. Ademais desta mesa redonda, organizáronse outros relatorios como Oportunidades de financiamento do ERC, a cargo de José M. Fernández de Labastida, xefe do Departamento Científico do European Research Council (ERC) e unha charla coloquio sobre igualdade, internacionalización e carreira investigadora. Durante as dúas xornadas de FIGAE leváronse a cabo varias charlas divulgativas sobre os proxectos científicos que desenvolve a comunidade investigadora galega no exterior. A clausura correu a cargo de Felipe Criado, director do INCIPIT (CISC) e Premio Nacional de Investigación, quen explicou os avances do proxecto XSCAPE, un estudo das interaccións entre o cerebro preditivo, os artefactos culturais e a exploración visual, que obtivo unha Synergy Grant.

Atracción de talento

Entre as iniciativas que promove a Xunta para a atracción do talento destaca o decreto que regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación nos organismos de investigación dependentes da Administración autonómica, unha norma que ofrece un marco laboral estable e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación.

Así mesmo, o Programa Oportunius ofrece oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia, complementando as axudas do ERC e reforzando as opcións de acceso ás mesmas. Esta iniciativa conta coa colaboración do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde a súa posta en marcha, Galicia conta con 38 proxectos financiados polo ERC, todos eles apoiados polo Programa Oportunius, e dos cales 17 foron contratados como persoal investigador distinguido Oportunius. Ademais, está previsto que a Xunta resolva unha nova contratación e convoque tres prazas máis no marco desta iniciativa na primeira metade de 2024.

Este Foro enmárcase nas actuacións de promoción internacional da marca Galicia, entre as que se inclúe o lanzamento dun plan de comunicación internacional orientado a dar a coñecer as capacidades do ecosistema galego de I+D+i, divulgar os diferentes programas e axudas e pór en valor Galicia como un territorio atractivo para vivir e desenvolver o potencial profesional das persoas.

Entre estas accións de promoción estanse a establecer partenariados con entidades de referencia que poidan exercer como prescritores fóra de Galicia e que permitan un coñecemento directo das motivacións dos colectivos de interese. Este é o caso do acordo coa asociación RAICEX (Red de Asociaciones de Investigadores y Científicos Españoles en el Exterior), que aglutina 20 asociacións. Unha colaboración que se plasmou xa na celebración de reunións con representantes de América Latina e na participación da Axencia para presentar o ecosistema galego a dúas asociacións: CERU (Científicos Españoles en Reino Unido); CERFA (Sociedad de Científicos Españoles en la República Federal de Alemania) e CEBE (Científicos Españoles en Bélgica) en Bruxelas.