A Xunta destaca a aposta de mecanizados Rodríguez Fernández pola innovación e o deseño estratéxico para mellorar a súa competitividade

2024-03-11
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a peme ourensá, que está a deseñar novos produtos e mellorar procesos co apoio dos programas DeseñaPeme e InnovaPeme da Xunta de Galicia
  • A convocatoria de 2024 destas dúas liñas de axuda está aberta ata o vindeiro 13 de marzo
  • Nas edicións anteriores das convocatorias de DeseñaPeme e InnovaPeme apoiáronse 310 pemes, cunha mobilización de 44,5M€ de investimento en innovación, dos que a Xunta achegou 22,25M€

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 11 de marzo de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou hoxe a aposta que a empresa ourensá Mecanizados Rodríguez Fernández (MRF), co apoio da Xunta, está a facer pola innovación e o deseño estratéxico para mellorar a súa competitividade.

A empresa, dedicada ao deseño e fabricación de accesorios en aceiro e solucións para a carrocería industrial no sector da automoción e outros sectores industriais, está a desenvolver un plan de innovación co apoio do programa InnovaPeme 2023 da Xunta de Galicia. O obxectivo é incrementar a súa produtividade incorporando sistemas de robotización e automatización.

Ademais, en convocatorias anteriores deste programa, tamén obtivo apoio para implementar outro plan de innovación para mellorar a xestión intelixente das operacións e a creación dun departamento de I+D+i. Por outra banda, no eido do deseño, redefiniu a súa identidade corporativa e lanzou novos produtos como un sistema electrónico para pechaduras, logo de participar en pasadas edicións do programa DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación.

A directora de Gain subliñou a aposta pola innovación da empresa ourensá, que participou en múltiples programas de apoio á I+D e á innovación da Xunta nos últimos anos e que resultou finalista dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023. Destacou tamén a importancia de incorporar o deseño á estratexia empresarial, porque permite contemplar as necesidades dos clientes desde a propia conceptualización do produto e servizo, e destacou o exemplo de Mecanizados Rodríguez como peme do sector industrial que aposta polo deseño como elemento diferencial.

Argerey aproveitou para lembrar que a convocatoria deste ano do programa DeseñaPeme e InnovaPeme, dotada con 4,5M€, está aberta ata o vindeiro 13 de marzo. DeseñaPeme apoia accións para conceptualizar e deseñar novos produtos, servizos e experiencias, así como mellorar a marca e identidade corporativa co obxectivo de promover a cultura da innovación nas pemes galegas e, deste xeito, aumentar a súa competitividade. Pola súa banda, InnovaPeme céntrase en apoiar a innovación en procesos e organización.

Desde 2017 entre ambas as dúas convocatorias, DeseñaPeme e InnovaPeme, téñense beneficiado 310 pemes, mobilizando 44,5 M€ de investimento en innovación, dos que a Xunta financiou un 50% (22,25 M€).