A Xunta destaca a aplicación do deseño á innovación de produto na empresa naronesa Detegasa

2024-03-06
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá esta peme que está a desenvolver unha nova tecnoloxía de tratamento de residuos sólidos co apoio do programa DeseñaPeme da Xunta
  • A convocatoria de 2024 desta liña de axudas está aberta ata o vindeiro 13 de marzo
  • Nas edicións anteriores das convocatorias de DeseñaPeme e InnovaPeme apoiáronse 310 pemes, mobilizando 44,5M€ de investimento en innovación, dos que a Xunta achegou 22,25M€

Narón (A Coruña), 6 de marzo de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa naronesa Detegasa, dedicada á fabricación de equipamento mariño, para coñecer os avances no deseño dunha innovadora solución técnica que permita o tratamento de residuos sólidos xerados nos buques.

Consiste nun equipo que trata residuos sólidos mediante rozamento co obxectivo de obter un produto reducido en masa e volume, ademais de inerte. Entre as vantaxes desta nova tecnoloxía de tratamento de residuos, que está en fase de preindustrialización, atópase que non produce emisións contaminantes, permite levar a cabo o seu tratamento e revaloriza o produto resultante. O deseño deste novo produto está apoiado polo programa DeseñaPeme 2023 da Xunta de Galicia cunha axuda de 75.000 euros para levar a cabo no periodo 2023-2024 o proxecto dotado con 150.000 euros.

A directora de Gain subliñou a importancia de incorporar o deseño á estratexia empresarial para que actúe como motor de competitividade e puxo a Detegasa como exemplo de empresa do sector industrial que aposta polo deseño como elemento diferencial. Así mesmo, destacou a aposta pola innovación da empresa naronesa, que xa participou anteriormente no programa InnovaPeme da Xunta cun plan de innovación para a incorporación de realidade aumentada aos seus procesos e a creación dunha unidade de I+D+i; foi beneficiaria tamén do programa Talento Sénior, axudas para a contratación de persoal de alta cualificación e participou como unha das empresas que validaron os demostradores realizados no proxecto Manufactur4.0, un proxecto Interreg POCTEP que tiña como obxectivo incorporar na industria naval–metalmecánica novas tecnoloxías de fabricación avanzada.

Argerey aproveitou para lembrar que a convocatoria deste ano do programa DeseñaPeme e InnovaPeme está aberta ata o vindeiro 13 de marzo. DeseñaPeme apoia accións para conceptualizar e deseñar novos produtos, servizos e experiencias, así como mellorar a marca e identidade corporativa co obxectivo de promover a cultura da innovación continua e sistemática nas pemes galegas e, deste xeito, aumentar a súa competitividade. Entre os custos subvencionables inclúense os servizos prestados por empresas e profesionais do deseño.

Esta liña de axudas enmárcase no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-DIFERENZA, que aposta polo deseño como ferramenta de transformación económica e social en Galicia. Este programa inclúe, entre outras actuacións, apoio económico, soporte experto, formación e difusión de casos de éxito para o desenvolvemento de novos produtos, servizos e modelos de negocio; apoio á formación en deseño; a organización e participación en experiencias de innovación social; accións de mellora do posicionamento do deseño galego no contorno estatal e europeo e iniciativas de recoñecemento ás empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade ou o impulso e soporte á incorporación do deseño na Administración pública para crear servizos innovadores, centrados nas necesidades das persoas e adaptados á transformación dixital.

Desde 2017 entre ambas as dúas convocatorias, DeseñaPeme e InnovaPeme, téñense beneficiado 310 pemes, mobilizando 44,5 M€ de investimento en innovación, dos que a Xunta financiou un 50% (22,25 M€).