A Xunta pon en valor o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento pola súa contribución á transformación do modelo económico galego

2024-02-23
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá en Santiago de Compostela nun seminario enmarcado no programa DINA, unha iniciativa do Ministerio de Ciencia e Innovación coordinada polo CSIC que se desenvolve en Galicia co apoio da Xunta dentro das actividades de formación en materia de transferencia do coñecemento
  • O programa Ignicia acaba de ser recoñecido co Premio ‘Invertir en ciencia sí es rentable’ —na categoría de innovación- no marco dunhas xornadas homónimas organizadas por Unirisco e celebradas esta semana en Santiago de Compostela

Santiago, 23 de febreiro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na apertura institucional do seminario Repensando el marco para la valorización del conocimiento en las estrategias y organización de las instituciones científicas, enmarcado no Programa DINA ITC, unha iniciativa do Ministerio de Ciencia e Innovación coordinada polo CSIC e que está a desenvolver en Galicia co apoio da Xunta dentro das actividades de formación e profesionalización do programa Ignicia.

A directora de Gain destacou que a transferencia e valorización do coñecemento é unha prioridade para o executivo autonómico e apuntou que “en Galicia dispoñemos de coñecemento pero o reto é ser capaces de poñelo en valor en forma de competitividade económica e benestar social”. Por iso, no ano 2016 a Xunta puxo en marcha, en colaboración coa Fundación Barrié, o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, unha iniciativa singular e pioneira en España que persegue apoiar a chegada dos resultados da investigación ao mercado.

Argerey apuntou que este programa está contribuíndo de forma significativa á transformación do modelo económico de Galicia e “proba diso son os indicadores que demostran que na nosa comunidade existe potencial para que a ciencia se converta en valor no mercado”. Entre estes resultados cabe destacar o apoio a 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e 3 acordos coa industria), a creación de máis de 100 empregos ou a captación de máis de 19 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado.

Por último, sinalou que para abordar o reto da valorización do coñecemento é preciso contar con programas integrais, que non só acheguen financiamento, senón que aborden outros aspectos como a formación e profesionalización, o fortalecemento das estruturas, a promoción e visibilización das capacidades, a monitorización ou seguimento de indicadores, e informou sobre o amplo abano de medidas que está a despregar o programa Ignicia neste eido.

Ademais da convocatoria de Proba de Concepto, estase traballando en varias actuacións que cobren toda a cadea de valor do laboratorio ao mercado, como mecanismos de financiamento que atendan as necesidades de transferencia en etapas máis iniciais ou a creación dun banco de patentes; actuacións de formación e profesionalización como a acreditación internacional de xestores de transferencia ou a formación específica para persoal investigador; no eido do fortalecemento de estruturas, levarase a cabo unha acción piloto para a creación de unidades conxuntas de transferencia entre centros de coñecemento e centros tecnolóxicos e realizarase un plan de viabilidade para a creación dunha oficina de transferencia especializada na valorización de materiais; no ámbito da visibilización das capacidades do ecosistema, estanse a levar a cabo encontros de transferencia e acaba de poñerse en marcha a plataforma InnovaRede; e, por último, en canto á monitorización do sistema de transferencia, téñense publicado varios informes e estase traballando na xeración dun sistema de indicadores para realizar un seguimento periódico e unha medición do impacto das medidas executadas.