A Xunta convoca apoios para a preparación de candidaturas a convocatorias europeas de I+D e innovación

2024-02-13
  • A liña de axudas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida a pemes e organismos de investigación galegos
  • O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de novembro e cobre ata o 60% da contratación dos servizos dunha entidade especializada

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024.- A Axencia Galega de Innovación publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de Bonos para a preparación de candidaturas a convocatorias europeas de I+D e innovación da Axencia Galega de Innovación, dirixida a pequenas e medianas empresas e organismos de investigación galegos.

Esta nova axuda ofrece un apoio á preparación de propostas ao programa Horizonte Europa e outros programas ou iniciativas europeas de I+D e innovación a través da contratación dos servizos de entidades especializadas. O importe máximo destes bonos, que se poden solicitar ata o 15 de novembro, oscila entre os 10.000 e os 17.000 euros en función do número de socios e do importe dos gastos, e a intensidade da axuda pode acadar un 35 % do custo da factura.

Ademais, se a proposta recibe unha avaliación favorable por parte da Comisión Europea ou do organismo internacional convocante, o bono pode ser complementado cun premio ou incentivo de ata un 25 % adicional, podendo acadar unha intensidade total da axuda do 60 %. Así mesmo, ao abeiro da liña de apoio de Sinerxias e complementariedades cos programas europeos de I+D+i , dotada con 20 millóns de euros de fondos FEDER, na que se enmarca esta convocatoria, prevese tamén o cofinanciamento de proxectos europeos estratéxicos e a publicación no segundo trimestre deste ano dunha convocatoria de rescate de selos de excelencia europeos.

O obxectivo desta nova liña de axudas é impulsar a competitividade internacional das pemes e organismos de investigación galegos, así como a captación de fondos en convocatorias internacionais e a consolidación da marca Galicia a nivel internacional no eido da I+D+i.