A Xunta presenta ás pemes ferrolás as axudas para impulsar a súa innovación

2024-02-06
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na última das xornadas informativas que percorreron as catro provincias galegas

Ferrol, 6 de febreiro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada informativa de presentación das axudas á innovación para as pemes, celebrada en Ferrol e online. Trátase da última sesión das celebradas nas catro provincias galegas nos últimos quince días.

O obxectivo desta xornada era dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias de axudas dirixidas a pemes así como os servizos de apoio que presta a Axencia, resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre centros e empresas. Ademais, aquelas pemes que o solicitaron participaron nun taller de asesoramento en materia de innovación.

Con estas xornadas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas e ás entidades do terceiro sector social a innovar, independentemente do seu tamaño, localización, ou sector. Para iso, ponse á súa disposición non só axudas económicas, senón apoios como asesoramento personalizado, xornadas e eventos, xeración de contornas de colaboración, axuda na preparación de candidaturas a convocatorias europeas, vixilancia competitiva, apoio na busca de socios e colaboradores, boletíns de de convocatorias de axuda, plataforma de capacidades do ecosistema galego de I+D+i (Innovarede) e aceleradoras e incubadoras, entre outros.

En concreto, na xornada de hoxe presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación (aberta ata o 22 de febreiro), Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i (abrirá o prazo do 14 de febreiro ata o 15 de novembro), DeseñaPeme e InnovaPeme (aberto o prazo de presentación do 14 de febreiro ata o 13 de marzo). Ademais, dúas entidades beneficiarias destes apoios presentaron a súa experiencia. Trátase das empresa naronesa Detegasa, dedicada á fabricación industrial e naval, beneficiaria dos programas DeseñaPeme 2023 e Innovapeme 2020 e Inproafe, con sede en Fene e dedicada ao desenvolvemento de servizos eléctricos e de automatización industrial, que recibiu unha axuda dos programas DeseñaPeme 2023 e InnovaPeme 2022.