A Xunta fomenta as vocacións científicas entre o estudantado con motivo do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia

2024-02-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, impartiu unha charla a alumnado de 4º da ESO do Colexio Maristas de Lugo para animalo a facer unha elección non sesgada dos seus estudos e liberarse dos estereotipos de xénero
  • Argerey informou das oportunidades para traballar no ecosistema galego de innovación, en especial, no Polo Aeroespacial de Galicia

Lugo, 5 de febreiro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, impartiu unha charla esta mañá a alumnado de 4º da ESO do Colexio Maristas de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra anualmente en torno ao 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica.

Argerey animou a todo o alumnado a descubrir as súas paixóns, fortalezas e habilidades e a non poñerse límites, especialmente entre as nenas, porque Galicia precisa todo o talento para desenvolver o seu potencial, e convidounos a aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o ecosistema galego de I+D+i. A responsable da Axencia Galega de Innovación puxo algúns exemplos das capacidades e do talento co que conta Galicia neste eido, con especial mención a pemes da súa contorna.

A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou algunha liña de actuación para incrementar a presenza de nenas nas carreiras STEM, como atraer as nenas cara á ciencia e a tecnoloxía e romper os estereotipos de xénero achegándolles referentes femininos ou fomentando a elección non sesgada dos estudos. Por último, centrouse nas oportunidades que ofrece o Polo Aeroespacial de Galicia a nivel profesional, lembrando que require dunha gran variedade de perfís —desde enxeñeiros aeronáuticos ata informáticos, físicos ou matemáticos, pasando por expertos en intelixencia artificial- e na utilidade das tecnoloxías que se están a desenvolver no seu marco, como a vixilancia do territorio, a prevención e extinción de incendios, tarefas de salvamento, etc.

Esta actividade enmárcase nos programas de Fomento das vocacións científico-tecnolóxicas da Axencia Galega de Innovación. Precisamente, neste marco, mañá e o vindeiro 23 de febreiro celebraranse espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol centrados na importancia das mulleres científicas e tecnólogas ao longo da historia para celebrar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia 2024. O show, dirixido a escolares, intégrase no programa D’tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, que se desenvolve todo o ano no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.