A Xunta destaca a aposta da empresa viguesa Selmark por redeseñar e incorporar novos procesos

2024-01-23
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitaron a empresa de lencería, que está desenvolvendo un plan de innovación co apoio do programa InnovaPeme

Vigo, 23 de xaneiro de 2024.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitaron esta mañá a empresa de lencería viguesa Selmark que está a desenvolvendo un plan de innovación a través do programa InnovaPeme 2023 da Xunta de Galicia.

O obxectivo deste plan é redeseñar e incorporar novos procesos como a mellora da operativa do almacén mediante a incorporación de tecnoloxías facilitadoras esenciais e poñer en marcha un proxecto piloto de preparación de pedidos de baixo número de prendas co fin de axilizar o proceso e evitar erros.

Tamén se busca redeseñar as canles de comercialización ante as novas esixencias do mercado, como os corners da compañía nunha cadea de grandes almacéns, ou potenciar a posibilidade de personalización dos artigos na tenda online, entre outros aspectos.

A peme viguesa investirá no período 2023-2024 preto de 123.000 euros en innovación para ser máis competitiva. Selmark xa participou en diversos proxectos de I+D como o desenvolvemento de suxeitadores protésicos personalizados para casos de mastectomía; un plan de innovación en procesos e márketing da liña Selmark Care dirixida a mulleres que padeceron cancro de mama ou o desenvolvemento dun sistema láser robotizado para a automatización da produción de pezas personalizadas.

Tal e como se informou durante a visita, a convocatoria 2024 da liña de axudas de InnovaPeme, conxuntamente coa liña DeseñaPeme, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 13 de febreiro co obxectivo de seguir introducindo a cultura da innovación no tecido produtivo galego e, es especial, nas pemes e microempresas galegas.