A Xunta e o Clúster da Saúde asinan un convenio de colaboración para impulsar o sector biotecnolóxico sanitario en Galicia

2024-01-05
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, asinaron o texto
  • O acordo, que comporta un orzamento total de 228.000 euros e se estende ata 2025, contempla a realización de diversas actuacións para potenciar a innovación e a transferencia de coñecemento entre empresas do sector da saúde e demais entidades vinculadas
  • O obxectivo é ampliar os servizos que o Clúster da Saúde presta ao conxunto do ecosistema biotech en Galicia en materia de innovación, para mellorar o posicionamento internacional da Comunidade como biorrexión
  • Unha das metas é acadar a acreditación do clúster como Agrupación Empresarial Innovadora estatal recoñecida polo Ministerio de Industria e Turismo

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024.- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, en representación da Axencia Galega de Innovación (Gain) e a presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, asinaron un convenio de colaboración polo cal ambas as dúas entidades se comprometen a traballar conxuntamente para impulsar en Galicia a cadea de valor do sector biotecnolóxico sanitario.

O acordo, que comporta un orzamento total de 228.000 euros e se estende ata 2025, contempla a realización de diversas actuacións para potenciar a innovación e a transferencia de coñecemento entre empresas do sector da saúde e demais entidades vinculadas, como universidades, centros tecnolóxicos, startups, etc.

O obxectivo é ampliar os servizos que o Clúster da Saúde presta ao conxunto do ecosistema biotech en Galicia en materia de innovación, para mellorar o posicionamento internacional da Comunidade como biorrexión. Neste sentido, unha das metas é acadar a acreditación do clúster como Agrupación Empresarial Innovadora estatal recoñecida polo Ministerio de Industria e Turismo.

O texto prevé, entre outros, a prestación de servizos innovadores para financiar actuacións de demostración, especialmente entre pemes e investigadores, e a validación de produtos nos living labs de Galicia. En definitiva, reforzar o papel do Clúster da Saúde de Galicia na dinamización e seguimento do subsector biotecnolóxico aplicado á saúde, para o cal o convenio contempla a realización de diversas campañas de comunicación e difusión das capacidades do ecosistema, así como das oportunidades de transferencia e colaboración entre os seus axentes.

Este acordo enmárcase nos obxectivos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025 e nos retos da RIS3 relativos ao desenvolvemento dun modelo de vida saudable e de envellecemento activo, aproveitando a tecnoloxía e a I+D+i e incluíndo a medicina de prevención, rexenerativa e de precisión e a economía dos coidados.