A Xunta destaca que proxectos como UVigo Spacelab son mostra do talento innovador e emprendedor do estudantado galego

2023-12-19
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións coas que conta este equipo de estudantes dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais
  • A Administración autonómica apóiaos no desenvolvemento do proxecto de nanosatélite BIXO, que será enviado ao espazo no 2025 e que ten por obxectivo analizar os efectos da exposición prolongada de microorganismos ao medio espacial

Vigo, 19 de decembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións de UVigo Spacelab, unha asociación xurdida no marco da Universidade de Vigo á que a Xunta presta apoio no marco do Polo Aeroespacial de Galicia no desenvolvemento do proxecto de nanosatélite BIXO.

Argerey destacou que proxectos como o de UVigo Spacelab son mostra do espírito emprendedor do estudantado galego e valorou que o talento é un piar básico do sistema de innovación, desenvolvemento de tecnoloxía e investigación. Na visita, a directora foi a encargada de colocar o primeiro subsistema completo recibido por UVigo SpaceLab na sala limpa.

O CubeSat BIXO será enviado ao espazo no ano 2025 nunha misión que ten por obxectivo analizar como lle afecta a unha poboación bacteriana a exposición prolongada ao medio espacial. O lanzamento será operado pola China Academy of Launch Vehicle Technology (Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento), xa que BIXO foi recoñecido como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita na 1ª edición do IAF-CSA Space Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), concurso organizado pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto dun CubeSat.

UVigo SpaceLab traballou durante este ano no desenvolvemento dos compoñentes do CubeSat BIXO, así como as infraestruturas necesarias en terra, acadando durante este 2023 os seguintes fitos: organización dunha visita para dar a coñecer o modelo de enxeñaría e de voo de TOTEM (o modelo de comunicacións que levará BIXO proporcionado por Alén Space) e a certificación mediante tests de vibración e termobaleiro da plataforma do satélite.

UVigo SpaceLab é un equipo multidisciplinar creado en 2020 que está integrado por 33 estudantes universitarios dedicados ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais dentro do ámbito educativo. Os seus integrantes son alumnos e alumnas de diferentes graos da Universidade de Vigo (Enxeñaría de Telecomunicacións, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Industrial, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría informática, Bioloxía, Administración e Dirección de empresas, ...).

Este proxecto permite aos integrantes do equipo poñer en práctica os coñecementos e capacidades obtidos ao longo dos estudos universitarios, conseguindo experiencia no campo aeroespacial.

Contan ademais co apoio de asesores que posúen ampla experiencia liderando e participando en múltiples proxectos espaciais coordinados pola European Space Agency (ESA), así como con axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, como Alén Space ou UARX Space, entre outros.