Rueda agradece a implicación dos empregados públicos á hora de innovar para construír unha administración eficiente que mellora a vida da xente

2023-12-18
  • Salienta que a Xunta, con máis de 100.000 empregados públicos, é a organización de Galicia “máis potente” por número e impacto da prestación de servizo público

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe a implicación e talento dos empregados públicos que, coas súas iniciativas innovadoras, axudan a construír unha administración máis moderna e eficiente ao servizo das necesidades reais dos cidadáns, e que finalmente repercute na “mellora da vida da xente”.

Así o salientou durante a entrega da quinta edición dos Premios ao empregado/a público/a innovador, na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Na súa intervención, Rueda puxo en valor o capital humano da Administración autonómica. Por estes motivos, defendeu galardóns coma estes, xa que axudan a poñer o foco sobre un traballo que ás veces non transcende ao público. Neste senso, destacou que é o labor e esforzo dos empregados públicos o que permite poñer en marcha todas as medidas, centros e servizos da Xunta.

Precisamente, erixiu á Xunta —con máis de 100.000 empregados públicos— como a organización de Galicia “máis potente” e non só por número, senón polo impacto que as súas funcións de servizo público teñen na mellora da vida diaria dos cidadáns.

Por este motivo, o titular do Executivo galego agradeceulles aos gañadores, finalistas e candidatos a estes premios o seu “inconformismo” e “esforzo suplementario” ao que son as súas tarefas cotiás á hora de apostar por idear novas solucións. Así, considerou que a innovación non debe circunscribirse só ás grandes empresas, senón que debe ser unha cuestión que debe incorporarse e prestarse desde o servizo público. “Non só o sector privado innova, na Xunta innovamos e sabemos facelo moi ben”, enxalzou.

Premiados

Nesta edición, presentáronse 24 solicitudes dun total de 10 consellerías. Na categoría de Identificación de oportunidades —na que se propón unha solución a unha problemática concreta- resultou gañadora a iniciativa Countdown begins 2020 – Mapa térmico de Galicia, que propón usar drons para realizar un mapa térmico das cidades galegas no que se poida identificar a perda de enerxía polas cubertas envolventes dos edificios ou a inclinación das mesmas para a posible instalación de paneis solares. Desta forma, coñeceríanse as melloras máis eficientes para cada edificio respecto ao illamento e á produción de enerxía solar.

Por outra banda, a categoría de Temática máis innovadora recoñece os proxectos innovadores que xa foron realizados ou están en curso. Nesta edición, premiouse unha iniciativa de control da avespa velutina que consiste en eliminar niños a través da introdución de insecticida nun lugar específico do mesmo. Emprégase un sistema de visión e activación do spray sen cable, que envía imaxes a un pequeno monitor que usa o operario.