A Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia colaboran na promoción e difusión dos recursos naturais estratéxicos de Galicia

2023-12-09
  • O vindeiro mércores 13 de decembro preséntase no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia, unha colaboración entre a Materioteca de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia, en colaboración coa Dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta
  • Este catálogo pasará a formar parte da Materioteca de Galicia e enmárcase na Axenda Galega de Impulso de Minería Sostible 2030

Ferrol, 9 de decembro de 2023.- O vindeiro mércores 13 de decembro preséntase na sede da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia, unha colaboración entre a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e a Xunta de Galicia, a través da Materioteca de Galicia e en colaboración coa Dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación. O obxectivo deste catálogo é promover e difundir o potencial mineiro galego, en especial, o que poida considerarse de carácter estratéxico.

O Catálogo de Recursos Naturais de Galicia, que pasará a formar parte da Materioteca de Galicia, está enmarcado na Axenda Galega de Impulso da Minaría Sostible 2030 e é o resultado dos traballos levados a cabo durante o último ano pola COMG en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a Axencia Galega de Innovación. O resultado destes labores deu como resultado un catálogo de máis de 122 produtos de orixe mineral. Este catálogo inclúe un estudo detallado destes materiais, o que facilita a súa promoción e transferencia cara outros sectores industriais, favorecendo sinerxías e a valorización de recursos que ata a o momento non tiñan unha aplicación. Deste xeito, contribúe tamén á sustentabilidade da industria e á súa circularidade.

No evento intervirán o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Juan José López Muñoz. Ademais da presentación do novo catálogo da Materioteca de Galicia, exporanse proxectos innovadores centrados na circularidade das nosas materias primas.

Este catálogo e a súa exposición pasarán a formar parte da Materioteca de Galicia, unha iniciativa da Xunta para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

Pola súa banda, a Axenda Galega de Impulso da Minería Sostible 2030, posta recentemente en marcha, contempla actuacións encamiñadas ao impulso da circularidade das materia primas minerais mediante a valorización dos residuos producidos nos establecementos mineiros. En concreto, a Axenda contempla como unha das súas iniciativas a “análise e posta en valor do potencial mineiro galego”, dentro da que propón a creación dun inventario dos recursos minerais dispoñibles en Galicia que, polas súas características, poidan resultar rendibles para outros usos e sexan susceptibles de integración na Materioteca de Galicia.

O programa e formulario de inscrición á xornada están dispoñibles nas webs da Materioteca e de Gain.