A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións

2023-12-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe en Bruxelas á conferencia de décimo aniversario desta rede na que a Xunta busca incrementar a captación de fondos europeos

Bruxelas, 5 de decembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe en Bruxelas á conferencia de celebración do décimo aniversario da Vanguard Initiative, rede europea dirixida a impulsar a colaboración interrexional en innovación. Neste contexto, anunciouse o lanzamento de Vinnovate, un innovador instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación en colaboración interrexional orientados a satisfacer as necesidades das empresas, cuxa primeira convocatoria se publicará en 2024.

A Xunta de Galicia persegue, a través da súa participación nesta rede, buscar oportunidades en Europa para captar fondos e promover a innovación nas empresas galegas, en liña co obxectivo de impulsar a apertura e visibilidade internacional do ecosistema galego de innovación establecido na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e os novos servizos postos en marcha para fomentar a participación das entidades galegas, especialmente das pemes, en programas de financiamento da I+D+i europeos.

Ademais de amosar os logros e fitos acadados nunha década de funcionamento desta alianza, o encontro serviu tamén para afondar no futuro da especialización intelixente, a cooperación interrexional e o crecemento baseado na innovación. Socios clave, líderes rexionais e expertos da industria debateron ao redor do papel fundamental das rexións na identificación de necesidades financeiras e cadeas de valor para acadar a era das emisións cero no 2050.

Neste contexto, representantes das preto de 40 rexións que forman a rede asinaron unha carta na que se comprometen a lanzar Vinnovate, un instrumento de financiamento da innovación, que representa un gran paso adiante en liña co compromiso fundacional feito en Milán no 2013 de promover e facilitar acceso a financiamento combinado para proxectos, contribuíndo así ao renacemento da industria europea.

A Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte desde 2015, inclúe 38 rexións de toda Europa comprometidas con guiar co exemplo e impulsar a colaboración interrexional en innovación baseada nas complementariedades identificadas nas súas Estratexias de Especialización Intelixente centradas na industria.

Esta colaboración industrial está canalizada a través de oito proxectos piloto que seguen a metodoloxía dos catro pasos: aprender, conectar, demostrar e comercializar. Estes proxectos piloto teñen contribuído ao éxito da alianza e á aprobación pola Comisión Europea dun novo programa de financiamento dotado con 570 millóns de euros, o I3-Investimentos en Innovación Interrexional, operativo desde 2022.