A Xunta difunde o potencial dos materiais innovadores para dar resposta aos retos de futuro da sanidade

2023-11-26
  • A Materioteca de Galicia organiza un workshop en Ferrol o vindeiro 30 de novembro no que se presentarán tecnoloxías de bioimpresión 3D e nanomateriais aplicados ao diagnóstico precoz

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación, celebra o vindeiro 30 de novembro un workshop sobre materiais innovadores para o sector sanitario. Esta xornada, organizada pola Materioteca de Galicia, terá lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e constará dunha sesión expositiva e un taller práctico.

Na actualidade, a protección da saúde require enfrontarse a desafíos cada vez maiores, como consecuencia do envellecemento poboacional e da rápida difusión de virus e bacterias baixo os efectos da globalización e do cambio climático, principalmente. Os novos materiais están chamados a xogar un papel esencial como facilitadores de futuras tecnoloxías sanitarias para previr, diagnosticar, controlar, tratar e curar enfermidades.

Neste workshop, axentes relevantes do sector en Galicia darán a coñecer novas tecnoloxías baseadas no emprego de materiais avanzados que axudarán a obter dispositivos capaces de responder ás necesidades da medicina rexenerativa, do desenvolvemento de dispositivos de diagnóstico ou da hixienización de espazos sanitarios e públicos.

Durante a primeira parte da xornada, investigadores das universidades da Coruña e de Santiago de Compostela e responsables da Plataforma de Impresión 3D do Servizo Galego de Saúde expoñerán os seus proxectos relativos a nanomateriais aplicados ao diagnóstico precoz e bioimpresión 3D.

A segunda parte terá formato de taller práctico e interactivo e estará a cargo da empresa especializada Materially, que presentará 21 materiais innovadores con aplicacións para a saúde e realizará unha dinámica en grupos para compartir retos e oportunidades e identificar posibles proxectos e colaboracións. A inscrición pode formalizarse en na web da Axencia Galega de Innovación.

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Xunta para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.