A Xunta impulsa con 3,8 M€ a competitividade das pemes galegas a través da innovación e o deseño

2023-11-19
  • A Axencia Galega de Innovación acaba de resolver a convocatoria conxunta dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, a través da que se apoian 64 plans de innovación e deseño que mobilizarán 7,7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de resolver a convocatoria conxunta de axudas correspondentes aos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, coa que apoia a execución de 64 plans de innovación e deseño por parte de pemes e microempresas galegas. Cun investimento de 3,8 millóns de euros, conseguirá unha mobilización de 7,7 millóns, impulsando así a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas a través da innovación e o deseño.

En concreto, apóianse 28 plans de deseño a través da liña de DeseñaPeme, que permitirán poñer en marcha accións para conceptualizar e deseñar novos produtos, servizos e experiencias, así como mellorar a marca e identidade corporativa destas pemes. Por outra parte, a través dos 36 plans de innovación de InnovaPeme as empresas poderán mellorar ou adaptar os seus procesos e a súa organización para ser máis eficientes, integrar tecnoloxías ou introducir novos produtos e servizos no mercado.

Un 44% das compañías beneficiarias son pequenas empresas, un 31% medianas e un 25% microempresas. Cómpre destacar que para o 37,5% das empresas estas axudas son a chave para comezar a innovar, xa que non recibiran axudas previamente ou non fixeran actividades innovadoras nos últimos tres anos, o que contribúe a ampliar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras.

Con estas axudas, ademais, faise extensiva a cultura de innovación ás pemes galegas como factor relevante no seu crecemento e consolidación. Así, desde a súa posta en marcha, a través destes dous programas, xunto a Bonos de Innovación, concederon 447 apoios, mobilizando un investimento público-privado próximo aos 47 millóns de euros.

Nos dous últimos anos, ademais, duplicouse o número de pemes apoiadas directamente pola Axencia Galega de Innovación a través de proxectos individuais. Nestes teñen participado máis de 1100 persoas, das que preto de 211 foron novas contratacións e, destas, a metade foron incorporacións de mulleres ou persoas con diversidade funcional. Ademais, estes programas teñen favorecido a colaboración entre axentes de coñecemento de Galicia a través de máis de 300 subcontratacións con empresas tecnolóxicas e organismos de investigación galegos.