A Xunta destaca a aposta da empresa coruñesa Tattoo Contract por desenvolver materiais innovadores a partir de subprodutos da industria

2023-11-14
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa cullerdense, que colabora na Materioteca de Galicia, para coñecer as súas iniciativas no ámbito dos novos materiais
  • A compañía impulsou o Material Innovation Hub, para asesorar a empresas e deseñadores sobre materiais innovadores; e o Wim Studio, un taller de novos materiais e solucións creadas a partir de subprodutos
  • A Materioteca de Galicia, a iniciativa da Administración autonómica para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño, celebra o vindeiro día 30 de novembro un workshop centrado no sector sanitario

Culleredo (A Coruña), 14 de novembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa cullerdense Tattoo Contract co obxectivo de coñecer as súas iniciativas no ámbito da creación e fabricación de materiais innovadores a partir de subprodutos da industria. Argerey destacou a importancia de innovar a través do deseño e sustentabilidade dos materiais innovadores nas empresas galegas, en liña co Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia, que busca impulsar a incorporación do deseño como factor de innovación nas empresas galegas.

Argerey destacou a colaboración da empresa Tattoo Contract con este obxectivo, a través do Material Innovation Hub, impulsado xunto á deseñadora Noemí Cortizas para apoiar a empresas e deseñadores na realización de conceptos de produtos e servizos; e de Wim Studio, un taller dedicado á creación de prototipos para darlle unha segunda vida aos residuos e converter un problema nunha oportunidade.

A directora de Gain tamén destacou a colaboración da empresa con compañías como Ilunion para darlle vida aos residuos téxtiles do grupo en forma de equipamento e mobiliario nas súas distintas empresas e coa plataforma Universo Driada Vida, que axuda a xerar riqueza no medio rural, enfocando a investigación e a innovación á preservación do medio ambiente.

A actividade da empresa entronca coa misión da Materioteca de Galicia da Xunta de Galicia, que é dinamizar o uso de materiais innovadores desenvoltos en Galicia. Neste sentido, Tattoo Contract ten colaborado coa Materioteca, impartindo un workshop sobre materiais orgánicos non vexetais e achegando un material á exposición a través da participación no Certame de Materiais Innovadores de Galicia, a Printed Recycled Wood, un panel feito con fibras de madeira procedente de descartes sobre o que se aplican pinturas de impresión con base orgánica e acrílicas.

A Materioteca de Galicia é un espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial. O vindeiro 30 de novembro celebra un workshop sobre materiais innovadores para o sector sanitario no CIS Tecnoloxía e Deseño que constará dunha sesión expositiva e un taller práctico, no que se presentarán tecnoloxías de bioimpresión 3D e nanomateriais aplicados ao diagnóstico precoz.