A Xunta participa no proxecto europeo Aeroganp para impulsar a colaboración Galicia-Norte de Portugal no ámbito aeroespacial
2023-11-27
Vigo, 30 de outubro de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, foi a encargada de entregar os recoñecementos aos profesionais de transferencia de coñecemento galegos que acadaron a certificación internacional Registered Technology Transfer Professionals (RTTP) da Alliance of Technology Transfer Professionals (ATTP) grazas ao apoio formativo do Programa Ignicia, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié, co que se busca impulsar a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao tecido produtivo.
O acto tivo lugar no marco do Encontro de profesionais de transferencia celebrado no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e organizado por RedTransfer, unha asociación de ámbito nacional que ten como misión fortalecer o impacto da investigación na sociedade e na economía a través da profesionalización e a promoción da transferencia de coñecemento.
Tamén recibiron unha distinción pola súa labor de acompañamento dos novos xestores e xestoras de transferencia para acadar a acreditación internacional e polo seu compromiso co Programa Ignicia Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, e Susana Torrente Vilasánchez, xestora de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Galicia é a Comunidade con máis profesionais de xestión de transferencia que contan coa certificación internacional RTTP, sumando actualmente unha vintena de xestores e xestoras que traballan nas tres universidades galegas e en entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) ou a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, entre outras.
Na actualidade hai uns 200 profesionais formados en transferencia de coñecemento en Galicia a través do Programa Ignicia, na súa vocación de impulsar o desenvolvemento profesional do persoal de xestión de transferencia do Sistema Galego de Innovación, por medio de ciclos formativos específicos, ademais de facilitarlles asesoramento para a solicitude da acreditación RTTP.