O traballo de 140 profesionais e empresas do deseño galego está exposto desde hoxe na Porto Design Biennale

2023-10-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación e os alcaldes de Porto e Matosinhos inau-guraron a mostra coa que Galicia representa a España como país convidado desta edición

Matosinhos (Porto), 24 de outubro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e os presidentes das cámaras municipais de Porto e Matosinhos, Rui Moreira e Luisa Salgueiro, respectivamente, inauguraron hoxe a mostra Galiza. Processos e formas, coa que Galicia representa a España como país convidado da Porto Design Biennale. A exposición, que recolle o traballo de 140 profesionais e empresas referentes do deseño galego ao longo do último século, é unha coprodución da Porto Design Biennale e a Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación DIDAC.

No evento de apertura da exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 3 de decembro na Galería Municipal de Matosinhos, participaron tamén a directora da Porto Design Biennale, Magda Seifert; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Asociación Galega de Deseño (DAG), Xosé García; e o comisario do país invitado, David Barro.

A programación galega na bienal inclúe, ademais da exposición de gran formato, un proxecto editorial e unha xornada organizada en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia. Incluirá un taller con Isaac Piñeiro, gañador na categoría de profesionais do deseño nos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2022, e a artesá Idoia Cuesta, ademais de dúas charlas impartidas por estes e a ceramista Verónica Moar.