A Xunta pon en valor as fortalezas do sector biotecnolóxico galego en Biospain 2023

2023-09-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta tarde no Galicia Bio Event, co que se poñen en valor as fortalezas da Comunidade e se busca establecer alianzas con outras rexións punteiras
  • Este evento enmárcase na participación no congreso Biospain 2023, que se celebra en Barcelona do 26 ao 28 de setembro, e ao que asisten medio cento de axentes do ecosistema biotecnolóxico galego
  • Entre os actores representados atópanse os clústeres de Ciencias da Vida (Bioga) e da Saúde de Galicia, as tres universidades galegas, grandes e pequenas empresas e a Administración autonómica

Barcelona, 25 de setembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou esta tarde no Galicia Bio Event, un evento organizado pola delegación galega na feira Biospain 2023 no Centro Galego de Barcelona para dar visibilidade ás fortalezas e capacidades do tecido biotecnolóxico galego e establecer alianzas con outras rexións punteiras.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a posición de Galicia como rexión de referencia en biotecnoloxía grazas a un ecosistema moi ben integrado que traballa aliñado nos seus obxectivos. Entre as capacidades e fortalezas do sector, Argerey apuntou a transferencia de coñecemento e empredemento, sendo Galicia a segunda rexión en creación de empresas biotech e acadando as startups galegas recoñecemento internacional.

Subliñou, así mesmo, a aposta por Galicia de grandes compañías como Lilly e Janssen na Business Factory Medicines e de Bruker a través da sociedade Mestrelab; a existencia dun fondo de capital risco especializado no sector, Bio&Tech Smart Capital; a creación do Biopolo da Sionlla e do centro de terapias avanzadas CAR-T; e contar co Hub de innovación dixital europeo DataLife+, entre outros.

Ademais, sinalou que a Xunta de Galicia conta cunha Estratexia de Biotecnoloxía desde 2015 e que actualmente se atopa no ecuador da Estratexia de Consolidación do sector, con dúas prioridades para o período que resta ata 2025: estreitar lazos coa industria e posicionarse internacionalmente. Neste contexto, a Xunta de Galicia dispón de múltiples instrumentos de apoio á I+D+i, ás que concorre o sector, como as Unidades Mixtas de Investigación, o programa Ignicia ou as convocatorias de ConectaPeme e InnovaPeme, entre outros.

Este evento enmárcase na participación no congreso Biospain 2023, un dos congresos de referencia en Europa no eido da biotecnoloxía, que se celebra en Barcelona do 26 ao 28 de setembro. Galicia patrocina o evento e conta con stand propio na feira, á que asistirán medio cento de axentes galegos. Entre eles atópanse os clústeres de Ciencias da Vida (Bioga) e da Saúde de Galicia, as tres universidades galegas, empresas e a propia Administración autonómica.