A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións
2023-12-05
Ourense, 19 de setembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta mañá a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolve a súa actividade no ámbito da atención ás necesidades das persoas afectadas por demencias neurodexenerativas e as súas familias co obxectivo de garantir o seu benestar e calidade de vida na provincia de Ourense. AFAOR vén de recibir unha axuda do programa Bonos de Innovación de 35.000 euros para desenvolver un novo servizo denominado EstimulaTIC orientado á promoción e intervención terapéutica dos maiores na súa contorna a través de dispositivos móbiles.
A directora de Gain lembrou que unha das novidades da edición de 2023 de Bonos de Innovación foi a incorporación das entidades do terceiro sector como beneficiarias destas axudas para contribuír a mellorar os servizos que prestan á sociedade, en especial, aos colectivos máis desfavorecidos, a través da innovación social. Precisamente, este obxectivo está aliñado cun dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3: acadar un modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.
Argerey destacou a aposta pola innovación e a dixitalización da asociación ourensá para mellorar os servizos que prestan aos seus usuarios e animou a outras entidades deste sector a innovar para optimizar a prestación de servizos que fan á sociedade.
A través da convocatoria 2023 de Bonos de Innovación estánse apoiando 63 pemes e microempresas galegas para que dean os seus primeiros pasos na innovación, cunha axuda total de case 861.000 euros e un investimento mobilizado total de 1,27 millóns de euros. Os Bonos de innovación complementan as capacidades das empresas e organizacións a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para impulsar ou poñer en marcha a súa actividade de I+D+i con actuacións no ano en curso.
Un 42 % dos bonos van para entidades que acceden por primeira vez a instrumentos de apoio da Xunta á I+D+i, o que permite apoiar a 30 novas pemes, e un 17 % recaen na provincia de Ourense. En total, a través das dúas edicións concedéronse 144 bonos a 129 pemes. Este programa complementa outras medidas dirixidas a impulsar a innovación entre as pequenas e medianas empresas como InnovaPeme e DeseñaPeme.