A Xunta presenta un novo programa para apoiar grandes proxectos de I+D+i con potencial transformador sobre a economía e sociedade galegas

2023-09-15
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá o proceso participativo de identificación das Misións RIS3, no que participarán empresas, centros de coñecemento, Administración e sociedade
  • Deste proceso derivarase unha convocatoria, dotada con 15M€, que se publicará nos próximos meses

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá o proceso participativo de identificación das Misións RIS3, un novo instrumento da Xunta para apoiar grandes proxectos de I+D+i e investimento produtivo con alcance estratéxico, capacidade tractora sobre o ecosistema de innovación e con potencial transformador sobre a economía e a sociedade galega.

Nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela ante máis dun cento de asistentes, Argerey informou de que serán as empresas, centros de coñecemento, Administración e sociedade quen definan estas Misións ao longo das vindeiras semanas co obxectivo de orientar a investigación e a innovación cara a solución dos problemas da industria e da sociedade galegas, a partir dos ámbitos de priorización definidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Estas Misións terán enfoque de cadea de valor, é dicir, todos os sectores están chamados a contribuír a elas, e todo tipo de axentes do ecosistema galego de innovación en todas as etapas da I+D+i. As Misións seleccionadas ao longo das vindeiras semanas, a través de mesas de traballo organizadas en tres fases, orientarán a primeira convocatoria deste programa, dotada con 15 millóns de euros, que previsiblemente se publicará no vindeiro mes de decembro.

A convocatoria de Misións RIS3 apoiará grandes proxectos tractores que contribúan á consecución das metas establecidas para cada Misión. Os destinatarios desta convocatoria serán grandes consorcios, cun mínimo de seis entidades público-privadas, cun orzamento mínimo de 1 millón de euros e unha duración de tres anos.

O feito de tratarse dunha convocatoria conxunta do Igape e da Axencia Galega de Innovación, que abarca desde a I+D ata o investimento produtivo, ten como obxectivo facilitar o acceso ao financiamento público de grandes proxectos estratéxicos para Galicia.