Lorenzana destaca a aposta do Grupo Nogar para a mellora tecnolóxica da loxística portuaria

2023-07-19
  • No proxecto que desenvolveu co apoio da Xunta participan as empresas Galigrain e Internacional de Comercio y Servicios, xunto con P&J Carrasco, Protea Produtos del Mar e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim)
  • Introduce a automatización, os sistemas de sensorización, o BIg Data e mesmo o manexo de xemelgos dixitais para a optimización da operativa diaria
  • Está aberta unha quinta convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable cun orzamento de 24 M€

Marín (Pontevedra), 19 de xullo de 2023.- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o proxecto que vén de desenvolver o Grupo Nogar, co apoio da Xunta, enfocado a mellorar a loxística portuaria e o almacenamento de produtos e mercadorías.

Na iniciativa, que implica un investimento de 2,8 M€, colabora a Axencia Galega de Innovación a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentable, cunha achega de 1,2 M€. Participan as empresas Galigrain e Internacional de Comercio y Servicios, xunto con P&J Carrasco, Protea Produtos del Mar e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim).

O proxecto explora as posibilidades da tecnoloxía como ferramenta esencial de optimización loxística. Introduce a automatización, os sistemas de sensorización, o BIg Data e mesmo o manexo de xemelgos dixitais que supoñen melloras considerables na operativa diaria das empresas participantes.

“É un orgullo ver que en Galicia temos exemplos clarísimos de empresas que teñen moitísimos anos de vida e que durante este tempo souberon reinventarse e ter visión estratéxica para continuar engadindo innovación, investigación aos seus procesos produtivos e, neste caso, á loxística. Un sector clave —dixo— para o crecemento e a internacionalización do tecido produtivo, mais agora que estamos nun rexistro récord de exportacións”. Nesta liña, Lorenzana volveu reivindicar a importancia do Corredor Atlántico do Noroeste porque “Galicia ten unha posición estratéxica e está en condicións de converterse nun polo de atracción de fluxos loxísticos”, recoñeceu.

A iniciativa que lidera o Grupo Nogar é un dos 24 proxectos que a Xunta leva apoiado nas catro edicións que ata o de agora se levan convocado do programa Fábrica Intelixente e Sustentable para impulsar a transformación da industria galega. A estas, súmase una quinta que xa está aberta ata o 2 de outubro cun orzamento de 24 M€. Segundo precisou, neste tempo beneficiáronse destas axudas 68 empresas e centros de investigación e se mobilizaron 275 M€ de investimento público-privado (76 M€ por parte da Xunta).