A Xunta abre a convocatoria dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño ata o 2 de outubro

2023-07-16
  • Os galardóns, convocados a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), son un recoñecemento ao esforzo e traxectoria de profesionais e empresas referentes no desenvolvemento económico e social de Galicia a través da innovación e o deseño
  • Catalina Fernández de Ana, Francisco Guitián, Fernando Pérez, Isaac Piñeiro, Sara Regal, Eva Yarza, Damián Calvo e os socios dos estudios Cenlitrosmetrocadrado e Desescribir foron os profesionais galardoados nas anteriores edicións
  • Ceamsa, Unvi, Alén Space, Televés, Congalsa, Marine Instruments, GalChimia, Cupa Innovación e TMC Cancela resultaron premiadas en 2020, 2021 e 2022 nas categorías empresariais

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2023.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria da cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, co prazo de presentación de candidaturas aberto ata o 2 de outubro. Estes galardóns son unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, para recoñecer a contribución singular de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.

O certame conta con seis categorías das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer a persoas e empresas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, son un exemplo de que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de alomenos cinco anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras de ata 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas galegas que representan o valor da innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da estratexia profesional e do crecemento no mercado, respectivamente. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia de alomenos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de grande empresa e pemes distinguen as compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos dez e cinco anos, respectivamente.

Os premios á grande empresa no apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

Edicións anteriores

Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto desta na mellora da capacidade competitiva. O xurado dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.

Estes foron os aspectos nos que destacaron os galardoados nas edicións anteriores deste certame. No apartado de deseño foron recoñecidos Isaac Piñeiro, Cenlitrosmetrocadrado e Desescribir (profesionais); Sara Regal, Eva Yarza e Damián Calvo (talento emerxente); e Unvi Carroceros, Televés e TMC Cancela (empresas). No de innovación os premiados foron Catalina Fernández de Ana, Fernando Pérez e Francisco Guitián (traxectoria innovadora); Alén Space, Marine Instruments e GalChimia (pemes); e Ceamsa, Cupa Innovación e Congalsa (grandes empresas).

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño convócanse co obxectivo de destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas.